O PSOE de Ordes insta á Xunta de Galicia a exercer como mediador ante a chantaxe que está a facer a industria aos produtores de leite, con prezos por debaixo do custo de produción e que poñen en perigo a continuidade das súas explotacións, tal e como xa están comprobando gandeiros do municipio. “Sabemos que a Xunta non pode intervir no tema dos contratos, pero si pode mediar entre industria e explotacións para garantir a supervivencia dos gandeiros e gandeiras de Ordes”, afirma o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira.
Por esa razón, os socialistas de Ordes presentarán unha moción na vindeira sesión plenaria para propoñer novas alternativas para dar solución ao conflito do sector lácteo. O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, considera que a mellor opción é que “a Xunta actúe de mediadora ante a chantaxe da industria” con respecto aos gandeiros. Esta figura de mediador actuaría como “garante dunha comercialización en equilibrio na que elementos como a estabilidade nos volumes de entrega, a garantía de recollida e os contratos de longa duración sexan unha realidade”, conclúe o voceiro da Agrupación Socialista de Ordes.
Dende a Agrupación Socialista de Ordes denuncian “un novo incremento no diferencial das cotizacións do leite en orixe en Galicia respecto do que se paga nos mercados internacionais de referencia”. Os datos da “nova liquidación da poxa de Fonterra –que sirve de índice de referencia mundial para o prezo do leite e derivados que se comercializan dende Australia e Nova Zelandia- encadean cinco subas, cunha media nas dúas últimas de máis dun 10%”, indica Pedreira. Isto pon de manifesto “o castigo que están a sufrir todos os gandeiros galegos no prezo do leite, que dende xaneiro de 2015 leva caído o prezo do leite en 10 céntimos”. Ao seu parecer, esta situación deriva do “interese das industrias en arranxar á súa conta de resultados a costa de desvalorizar a principal zona de produción láctea do Estado”.
Sendo un problema que se está a agravar no tempo, dende o PSOE de Ordes ven “falla de iniciativa política por parte do Ministerio de Agricultura na revisión do chamado Paquete Lácteo, que podería poñer fin a esta situación insostible para moitos produtores galegos diante do fin das cotas”. É por iso que a solución podería atoparse na Administración autonómica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario