As universidades galegas puxeron en marcha en 2014 co apoio económico da Dirección Xeral de Relacións Externas e coa Unión Europea da Xunta de Galicia a Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD). Segundo explican os seus responsables, é a ferramenta chave para lograr que toda a experiencia e o coñecemento xerado nas universidades galegas, “que asumimos o noso rol como actores relevantes da cooperación internacional ao desenvolvemento”, poida ser empregado “na procura dun mundo máis xusto”.
Nunha primeira fase, as institucións promotoras elaboraron unha diagnose para coñecer o punto de partida nesta materia e crearon un portal Web (www.rgcud.gal) que servirá para visibilizar toda as actuacións que teñen en marcha as universidades no eido da Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (CUD) e a Educación para ao Desenvolvemento (EpD) e potenciar o xurdimento de sinerxías que melloren o impacto das actuacións.
Deste xeito, a RGCUD pon a disposición de universidades e da sociedade unha base de datos de accións de CUD e EpD executadas coa participación universitaria. Á súa vez, elabora un plan de formación anual destinado á comunidade universitaria galega e informa sobre as convocatorias existentes en CUD e EpD.
En total, a base de datos recolle información de preto de 500 accións executadas dende 2012, así como referencias de actualidade neste ámbito, información sobre convocatorias, recursos e ligazóns de intereses que permitan unha maior efectividade de futuras propostas aproveitando todo o traballo previamente para darlle un maior alcance, tal e como se sinalou na presentación celebrada este martes coa intervención do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, e a técnica do Servizo de Integración e Participación Universitaria da USC, Carolina Lodeiro. Asistiron ademais a adxunta para apoio a Residencias, Cultura e Empregabilidade da USC, María del Carmen Segura Iglesias; o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernandez Iglesias; e a vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación da UDC, Natalia Álvarez Lata.
Sensibilización
Xunto ao portal web, esta rede universitaria distribuirá entre a comunidade universitaria de todos os campus galegos material de cartelería que contén diversas experiencias notorias de boas prácticas en cooperación e educación para o desenvolvemento que se están levando a cabo nas tres universidades. Trátase así de sensibilizar sobre as múltiples alternativas que para as universidades existen neste ámbito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario