Xa hai varias semanas a candidata socialista Uxía Lemus propuxo a realización dun debate público entre os candidatos á alcaldía de Teo. Os Socialistas de Teo, unha vez coñecidos os nomes destes, procedeu esta mañá ao envío desta proposta a cada candidato para concretar as características do mesmo.
O apoio a esta proposta nas redes sociais, apoio amosado como por exemplo nunha enquisa veciñal no portal As Novas de Teo, indican a relevancia desta forma de confrontar ideas para a cidadanía.
Uxía Lemus sinalou que tras o envío desta proposta, que agardaba fose recibida positivamente polo resto dos candidatos, se concretarían as características e formato do debate, cunha reunión das diferentes forzas políticas.
Os Socialistas de Teo defenden, en todo caso, que o debate público debería ser aberto ás preguntas da veciñanza, emitido en streaming pola propia web do Concello e debería celebrarse nun local municipal de amplo aforo, como é o auditorio da Ramallosa.
Neste debate, os candidatos poderían confrontar os puntos principais do seu programa electoral, que os Socialistas de Teo están a rematar.
Como indica Uxía Lemus, “En Teo, xa chegou o momento de falar de futuro. Tras anos marcados primeiro por unha política caciquil do PP e despois, por unha política mediática do BNG/Anova Teo, Teo necesita un goberno progresista con proxecto de futuro”.
Uxía Lemus formulará as ideas principais deste programa no acto de presentación da candidatura socialista o venres 24 de abril, no local da Asociación Gandeira e Agrícola de Cacheiras, ás 20:30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario