Hostalería de Compostela - reunión co presidente da Xunta

Unha delegación da nova directiva de Hostalería Compostela, encabezada polos seus presidentes, Sara Santos e Antonio Riveiro, foi recibida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Nesta xuntanza os representantes dos empresarios do sector turístico falaron da necesaria reactivación do Clúster de Turismo de Galicia, coa entrada das empresas deste colectivo empresarial, e da necesidade de incrementar a conectividade aérea internacional de Galicia, a través do aeroporto central, para redistribuir fluxos turísticos dende Compostela a toda a comunidade e reducir así a excesiva estacionalidade e a alta dependencia do turismo nacional, contribuindo deste xeito o turismo á reactivación da economía de Galicia. 

Os hostaleiros tamén lle trasladaron a Núñez Feijoo a súa preocupación pola paralización da Lei do Espectáculo e o presidente da Xunta interesouse polo proxecto gastronómico e cultural deseñado por Hostalería Compostela para a nave número 5 do Mercado de Abastos de Santiago. Un modelo de negocio innovador e cun enfoque global e de cidade que tén como obxectivo facer de Santiago un destino gastronómico de referencia a nivel nacional e internacional, fronte un proxecto que os hostaleiros composteláns temen que poida contribuir a turistificar excesivamente un dos mercados de abastos máis auténticos de España, desvirtuando a súa propia natureza.

Este encontro forma parte da estratexia da nova directiva de Hostalería Compostela para poñer todo o coñecemento e a experiencia do sector empresarial ao servizo dos decisores públicos, co obxectivo de reactivar a actividade hostaleira na cidade co maior grao de especialización turística de Galicia e con máis capacidade para internacionalizar e desestacionalizar o sector turístico. Para seguir avanzando nestas liñas de traballo, o presidente da Xunta comprometeuse a manter un xantar de traballo, na semana vindeira, no Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostalería Compostela, onde estes días se está a desenvolver un curso de cociña para desempregados. No arquivo anexo vanvos as fotos deste encontro mantido onte.

Ningún comentario: