Manuel Mirás tomou posesión de novo como alcalde de Oroso no pleno de constitución da corporación que se celebrou este mediodía. O candidato socialista recibiu o apoio dos sete concelleiros do seu grupo, maioría absoluta na cámara. As demais formacións votáronlles aos seus respectivos candidatos.
No discurso posterior á toma de posesión, o rexedor manifestou que agarda unha tarefa “difícil pero ao mesmo tempo ilusionante” no novo mandato. Mirás anunciou que os piares básicos para estes catro anos serán a promoción económica, as infraestruturas viais, a ordenación do territorio e a extensión dos servizos de abastecemento e saneamento. Súmanse ao ensino, o deporte, a cultura e o benestar social, que protagonizaron o mandato recén rematado e seguirán estando nas prioridades do executivo de Oroso.
No ámbito da promoción económica, Mirás situou como retos o desenvolvemento por fases do polígono San Martiño II, paralizado por mor da crise económica e dentro duns meses con moito máis atractivo para as empresas e os emprendedores grazas á apertura do enlace sur da AP-9.
En canto ás infraestruturas viarias, o alcalde de Oroso expuxo que seguirá insistindo en que o Ministerio de Fomento repare a N-550 e os seus viais paralelos de servizo, á vez que reforzará a petición da variante de Sigüeiro “proxectada desde hai tempo e que esperamos que nos vindeiros catro anos cando menos comecen as expropiacións e se licite o proxecto, estancado desde 2010”. En canto á rede viaria local, Mirás expuxo que proseguirá o plan de mantemento intensivo e que se asfaltarán novas pistas de concentración parcelaria que unan núcleos de poboación, como a que vai desde Ponte Arderís a Castiñeiro Redondo.
O principal cometido no relativo á ordenación do territorio é a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que leva dez anos vixente. “O noso obxectivo é poder amplialo onde faga falta e reducilo onde non faga falta -asegurou Mirás- para que desta maneira os propietarios paguen menos contribución, recoller todos os núcleos que quedaron fóra de ordenación en 2005 e programar novos equipamentos onde sexa necesario”.
E no que respecta aos servizos de abastecemento e saneamento, a intención do executivo municipal é amplialos polas zonas rurais. Non obstante, Mirás precisou que será “moi difícil” se non hai apoio financeiro da Xunta, o Gobierno de España e a Unión Europea. Neste sentido, reclamou para o Concello os 85.000 euros anuais que recada a Xunta polo canon da auga. Preguntouse “onde mete o goberno galego o diñeiro que vía canon nos cobra a todos os veciños” e expuxo que se o recibise o Concello nuns seis anos podería executar todas as infraestruturas hidráulicas.
O remate dos accesos ao novo colexio de Sigüeiro e á nova escola infantil, ademais de melloras na xa existente, serán as principais actuacións en ensino. En deportes, manterase o apoio aos clubes e intentarase conseguir novas infraestruturas como un campo de fútbol-7 e un novo pavillón deportivo. En cultura, Mirás aspira a un “salto de calidade” que precisa novas instalacións, como o Centro Cultural de Oroso, xa en trámites, e un auditorio, para o que en breve se comezará co proxecto e a busca de financiamento. E en canto aos servizos sociais, Oroso seguirá de momento na Mancomunidade de Ordes “como medida de eficiencia económica” que permite contar con servizos como o Centro de Información á Muller ou a Atención Temperá.
Nova corporación
A nova corporación de Oroso constituíuse con total normalidade e co salón de plenos ateigado de veciños e veciñas. Comezouse por conformar a mesa de idade, ocupada por Manuel Siverio Mirás, concelleiro electo de Son de Oroso-Anova, como o membro de máis idade, e Alexánder Doval, concelleiro electo do PP, como o máis novo.
Acto seguido, os distintos concelleiros foron tomando posesión do cargo, optando pola fórmula da promesa os representantes do PSOE e os de Anova e BNG, estes dous co matiz do imperativo legal, mentres que os edís do PP escolleron o xuramento para a asunción da nova responsabilidade.
A continuación procedeuse á elección de alcalde. E para rematar, tras a intervención do rexedor, o secretario do Concello deu conta aos integrantes da corporación do arqueo de contas, con 838.125,27 euros a data de 12 de xuño, e do Inventario de Bens do Concello, valorado en 42.388.306,27 euros.
Os integrantes do pleno de Oroso, de acordo cos resultados das pasadas eleccións municipais do 24 de maio, son:
Manuel Mirás Franqueira (PSdeG-PSOE)
Vanesa Boo Martínez (PSdeG-PSOE)
Antonio Leira Piñeiro (PSdeG-PSOE)
Beatriz Rodeiro Fernández (PSdeG-PSOE)
Luis Rey Villaverde (PSdeG-PSOE)
María del Carmen Liste Raña (PSdeG-PSOE)
Eduardo Veiras Rey (PSdeG-PSOE)
Alexander Doval Expósito (PP)
Josefina Iglesias Banco (PP)
Silvia Suárez García (PP)
Pablo Parga Villaverde (PP)
Manuel Siverio Mirás Liñares (SON de Oroso-Anova)
Xosé Manuel Pérez Penas (BNG-Asembleas Abertas)