O Concello de Teo vén de publicar na web municipal e no taboleiro de edictos da Casa do Concello a nova convocatoria de concesión de hortas urbanas. Esta vez as parcelas están situadas en Fixó, na parroquia de Calo, no entorno da urbanización de Campos de Mirabel. A convocatoria xa se pode consultar na web municipal teo.gal.
A horta de Calo ten unha superficie de 720 metros cadrados e está dividida en 12 parcelas. Destas 12 parcelas e segundo establece o Regulamento de funcionamento de hortas urbanas aprobado en pleno tres delas estarán destinadas a persoas en situación de emerxencia social. Outras tres serán para persoas maiores de 65 anos e as outras seis aduxicaranse entre o resto das solicitudes. As nove hortas de acceso libre adxudicaranse mediante sorteo público.
O prazo para solicitar unha desas hortas está aberto entre o 17 de abril e o 5 de maio, ambos incluídos. A concesión realízase por un ano prorrogable por outro ano e para pedilas hai que ser unha persoa física e estar empadroado en Teo.
Dende o Departamento de Participación Veciñal explican que o terreo xa está listo para comezar a traballar e na zona hai unha caseta na que se poderá gardar a ferramenta que nun primeiro momento emprestará o concello se é preciso.
A partir do 5 de maio, pechado o prazo para solicitar as hortas, publicarase na web e no taboleiro municipal unha listaxe provisional cun prazo para subsanar documentación. Unha vez rematado ese prazo e publicada a definitiva tamén se fará pública a data do sorteo.
A finais do ano pasado publicábase a primeira convocatoria de concesión de hortas na parroquia de Cacheiras. Neste momento as doce persoas que teñen a concesión xa están traballando nelas e a convocatoria en Calo vén a cubrir unha demanda existente na zona.
Ningún comentario:
Publicar un comentario