Cámara de Comercio - Inauguración dun programa de creación de empresas

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia inauguraron onte unha nova edición do Programa de creación e consolidación de industrias culturais e creativas, que se impartirá de forma gratuíta no Centro de Emprendemento do Gaiás ata o 29 de maio. Ao acto, que se celebrou no edificio da Biblioteca do Gaiás, asistiron a responsable de Creación de Empresas da Cámara, Rosa Cardeso, a xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González, e a directora de Programas de Incyde, María Dolores García. Esta acción formativa organízase en colaboración coa Fundación Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa (INCYDE) e conta co financiamento do Fondo Social Europeo.

Nunha época na que a cultura se converteu nun sólido activo e estratéxico de desenvolvemento social e nunha importante plataforma económica, a Cámara de Comercio de Santiago e a Cidade da Cultura organizan este programa para tratar de satisfacer a crecente demanda deste tipo de pequenas empresas culturais cun enfoque “altamente” creativo e novos modelos de financiamento e xestión “novidosos e máis eficientes”, destinados a actualizar os procesos de produción, distribución, exhibición e difusión dos produtos culturais. 

No programa, que se desenvolverá en 320 horas, participarán un máximo de vinte e cinco proxectos. Está dirixido fundamentalmente a empresarios e responsables de pequenas empresas culturais e creativas. 

Rosa Cardeso destacou que os alumnos participantes poderán desenvolver proxectos de emprendemento relacionados coas artes, teatro, música, danza, os sectores audiovisual e editorial, e mesmo as actividades vinculadas ás novas tecnoloxías e ao deseño. “Os alumnos recibirán nocións para desenvolver un plan de empresa e contidos sobre administración da empresa cultural, marketing e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade medioambiental e igualdade de oportunidade, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas” –explicou Cardeso–.

Os titores asesorarán de forma individualizada a cada un dos participantes, ofrecéndolles os instrumentos empresarias necesarios para deseñar e dirixir os seus proxectos culturais, fomentando o uso de novas tecnoloxías, tanto en sectores artísticos tradicionais como nos novos espazos de ocio creativo: cine de animación, publicidade, comunicación, páxinas web ou videoxogos.

Ningún comentario: