Psoe Santiago - Paco Reyes propón á Cámara de Comercio a creación dun campus aeronáutico na antiga terminal de Lavacolla

O candidato socialista á alcaldía, Paco Reyes, mantivo hoxe unha reunión co pleno da Cámara de Comercio de Santiago. O actual voceiro do grupo municipal socialista trasladou ao seu presidente, Jesús Asorey, e ao seu vicepresidente, José Luis Rodríguez Dacal e aos representantes da entidade as principais liñas do programa co que concorrerá ás eleccións municipais de maio e departiu con eles os aspectos que máis lles afectan.

A promoción económica e o emprego, o proxecto social, o desenvolvemento urbano e a transparencia e a participación son os piares máis importantes do programa do PSdeG de Santiago. Construír unha intermodal que sexa a estación central de Galicia e impulsar e defender o aeroporto de Lavacolla son, desde o punto de vista das infraestruturas, as prioridades do candidato socialista á alcaldía de Santiago.

Antiga terminal
Paco Reyes propuxo ao presidente da Cámara a utilización da antiga terminal de Lavacolla para a creación dun campus universitario aeronáutico en colaboración coa USC e a Cámara de Comercio. O socialista comprometeuse a presentar un proxecto neste sentido a AENA nos primeiros meses de mandato se chega á alcaldía.

Este campus será o marco para a aprendizaxe da profesión de piloto e contaría co Grao de piloto de aviación comercial de operacións aéreas, estudos de persoal de cabina, e a maiores tería un centro de I + D en mantemento aviónico.

Promoción económica
No que atinxe ao comercio e a promoción económica, a capital galega, que ten o ratio de empresas por habitante máis alto en Galicia, segundo lembrou Paco Reyes, debe “promover a economía social e as cooperativas en base a unha liña de microcréditos operada a través dunha banca solidaria”.

Outra das ideas que recollerá o programa do PSdeG é a estruturación dunha bolsa de emprego para os traballos de mantemento do Concello. Os obxectivos dos socialistas son dinamizar a economía social, ofrecer bonificacións fiscais para emprendedores e a promoción do comercio con eventos financiados polo Concello, así como a creación dunha marca de calidade que distinga o comercio compostelán.

No encontro falouse tamén do Xacobeo 2021. Socialistas e membros da Cámara coincidiron en que é importante que se estableza xa o programa 2015-2021 e tratar de que se convoque o Real Patronato, así como de amañar as entradas do Camiño a Santiago, que están actualmente en moi mal estado.

Turismo e aeroporto
A perda de pasaxeiros do aeroporto de Lavacolla (mais de medio millón de pasaxeiros desde novembro de 2011) é outro punto que preocupa aos representantes da Cámara. Paco Reyes considera que debe haber “unha unión total na súa defensa e promoción”. O candidato aposta por “políticas serias e concretas para mudar estas cifras, como, por exemplo, establecer acordos de colaboración con Sá Carneiro para que os turistas que chegan a Oporto e visitan Compostela poidan facer o regreso aos seus países de orixe dende aquí”.

Outras medidas que cre imprescindibles para impulsar o noso aeroporto e o turismo son a concesión de licenzas para autobuses lanzadeira a fin de que os visitantes poidan vir a Lavacolla, así como acadar máis frecuencias a Madrid que conecten con destinos internacionais. Tamén ve necesario incrementar a estadía media das pernoctacións na cidade ou poñer en valor o seu circuíto monumental e conxunto de edificios históricos

Estación intermodal
Conseguir unha estación intermodal para o AVE “á altura que se merece Santiago”, que sexa a estación central galega é outro dos obxectivos dos socialistas. Unha infraestrutura que terá que estar integrada co barrio da Pontepedriña.

Neste sentido, criticou que o goberno socialista no anterior mandato asinara un convenio con ADIF comprometéndose a ceder tan só o aproveitamento urbanístico e que nos últimos orzamentos o goberno popular comprometa tres millóns de euros que sairán das arcas municipais.

Outra das prioridades de Paco Reyes é a estación de mercadorías de A Sionlla, que deberá estar conectada coa AP-9 e coa Cidade da Cultura, o que xa estaba previsto desde hai catro anos.

Ningún comentario: