Oroso - Este venres celébrase a II Gala Solidaria

O Concello de Oroso organiza este venres 17 de abril a segunda edición da Gala Solidaria en favor das familias desfavorecidas do municipio, que terá lugar na alameda de Góis a partir das 17:30 horas e que incluirá actuacións musicais, humor e xogos de animación para os máis pequenos. O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, fai un chamamento a toda a veciñanza “para que disfruten coas actuacións dos distintos artistas, que colaborarán connosco de xeito totalmente solidario e de balde, ao tempo que poden achegar alimentos non perecedoiros ou produtos de limpeza e hixiene que despois faremos chegar ás familias máis desfavorecidas do noso municipio”.

A Gala Solidaria 2015 contará coa colaboración gratuíta dos humoristas Lito Arzúa e Marcos Roca; así como coas actuacións musicais dos grupos Alborada e Bahía Blanca, dos solistas Pili Pampín, Miguel Torres e Souto, e do combo de rock da Aula de Música de Oroso. Ademais, e despois do éxito acadado o ano pasado, nesta edición tamén repetirán actuación os maiores dos obradoiros de baile, que desta vez estarán acompañados polos maiores dos obradoiros de ximnasia e de taichí. Para os máis pequenos, a alameda de Góis acollerá xogos e inchables cortesía de Axiña Xogos e Inchables.

A primeira edición da Gala Solidaria organizada polo Concello de Oroso superou todas as expectativas, pois se recolleron máis de 1.500 quilos de alimentos non perecedoiros e de produtos de limpeza e de hixiene, que se repartiron entre as familias máis necesitadas do municipio. Ademais, tamén se recolleron donativos por máis de 300 euros. Ademais das múltiples achegas de particulares, tamén se sumaron ao acto numerosas asociacións, empresas e establecementos hostaleiros.

Ningún comentario: