Armando Cascón presenta a Antonio Orois Valiño coma o número dous da candidatura
· O candidato popular destaca a cualificación, preparación e a implicación dos membros do seu equipo
Arzúa, 29 de abril de 2010. O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Arzúa, Armando Cascón, presentou esta mañá parte do equipo que conforma a súa candidatura. Neste senso, anunciou que Antonio Orois Valiño ocupará o número dous na lista. Cascón destacou a súa preparación e a vinculación co municipio e destacou de que Orois Valiño naceu en Arzúa no ano 1959, é licenciado en Dereito pola universidade central de Barcelona e, en 1980, aprobou a oposición de Inspector do Corpo Nacional da Policía e posteriormente exerceu diversos cargos de responsabilidade en dito corpo (xefe de policía xudicial, xefe de grupo de investigación, asesor técnico de seguridade nas olimpíadas en Barcelona, polo cal recibiu unha das máis altas condecoracións policiais a Cruz Vermella ao mérito policial).
O representante explicou que se trata dunha lista renovada e caracterizada por novas incorporacións, “algo que dende o primeiro momento considerei necesario para afrontar o difícil reto de iniciar unha nova andaina que vai ter un único obxectivo: logra-la confianza dos veciños para darlle un novo impulso ó municipio”. Cascón manifestou que se trata dun equipo sólido, competente e que representa á meirande parte das parroquias do municipio. “Tódolos compañeiros da lista están perfectamente cualificados para defende-las correspondentes áreas unha vez conformemos goberno”, explicou.
Na presentación da candidatura, Cascón deu a coñecer, ademais, as principais características do seu programa. Tal e como puxo de manifesto o candidato popular, “trátase dun programa moi extenso no que se afondará fundamentalmente no eido agrícola e gandeiro poñendo en valor a capacidade productiva das nosas terras intentando mediar coas institucións competentes para rematar definitivamente coas concentracións parcelarias que restan por desenvolverse no municipio”. En canto ao tecido empresarial, a idea do Partido popular de Arzúa, segundo Cascón, é a creación en rede de liñas que dean a coñecer o perfil dos nosos establecementos e divulgue a súa oferta para apertura de liñas de negocio. “Elaboraremos un censo de empresarios locais dedicados ao sector primario con base para a definición dun mapa de puntos de servicio que sirva de reclamo e orientación aos nosos potenciais”, explicou Armando Cascón.
O candidato popular aproveitou, ademais, para lamenta-la política urbanística do actual equipo de goberno. “A rexeneración democrática –engadiu- será tamén unha das nosas prioridades”, quen tamén quixo deixar clara a súa total decisión de reducir o soldo actual do alcalde, e do tenente alcalde así como tamén anunciou a realización inmediata unha auditoría “para que os veciños saiban realmente a situación económica do concello”. “Conxelaremos os impostos, ampliaremos as prazas na gardería municipal, así coma tamén, a creación dun centro de día e a dotación de instalacións da estación de tratamento de augas ou traída municipal que remate xa co problema da insalubridade da auga, serán outras das claves do programa electoral do Partido Popular de Arzúa”, finalizou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario