XABIER PINTOR, CANDIDATO Á ALCALDÍA: “OS PROBLEMAS ENTRE BNG E PP DANAN GRAVEMENTE AO CONCELLO DE ARZÚA COMO INSTITUCIÓN”
A secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Pablo García, acompañou aos arzuáns durante o acto de presentación
Arzúa, 23 de abril de 2011. O PSdeG-PSOE de Arzúa presentou hoxe na Casa da Cultura aos integrantes da candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais. Neste acto, ao que acudiu unha ampla representación de cargos e militantes socialistas da comarca, o cabeza de lista, Xabier Pintor, lamentou que o clima de confrontación xerado nos últimos tempos entre PP e BNG “está a danar gravemente ao Concello como institución”. Pintor apostou por evitar que a vida política se xudicialice e mostrouse partidario dunha acción de goberno “participativa, democrática e libre”.
O candidato arzuán apuntou durante o acto algunhas das ideas que formarán parte do seu programa electoral. A revitalización económica do municipio e a creación de emprego, coa habilitación de máis solo industrial ou a posta en marcha dun mercado semanal de abastos foron algunhas das súas propostas. Pintor avogou tamén por fomentar unha Administración local “austera, eficaz e áxil” e comprometeuse, neste senso, a reducir as retribucións dos cargos políticos do municipio, “comezando polo alcalde”, asegurou.
Pintor manifestou por último que os seus máis grandes obxectivos serán, por un lado, o benestar dos veciños e veciñas e, por outra banda, “o de devolverlle a Arzúa a súa importancia como capital comarcal, algo que nunca debería ter perdido”.
O secretario de Organización dos socialistas galegos, Pablo García, acompañou aos integrantes da candidatura arzuá durante o acto de presentación. García amosou, na súa intervención, o seu apoio e compromiso con Xabier Pintor e co seu equipo.
Begoña Balado, Juan Carlos Barral, Alfonso Mosteiro, Sonia García, Serafín Díaz, Julio Mejuto Pimentel, Ana María León, Jesús Orois, Mercedes Rey, César Pampín, Inmaculada Concepción Gabete e Elena Quintela completan, por esta orde, a lista que encabeza Xabier Pintor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario