BNG A ESTRADA – DEBEDAS DA DEPUTACION CO CONCELLO

A Deputación de Pontevedra ten unha débeda coa Estrada de 581.000 € en obras

Centos de cartaces dispersos polo rural non son quen de agochar a débeda e as promesas feitas pola Deputación e por José López

A Estrada, 26 de abril de 2011: A denuncia feita pola Concellaría de Medio Rural e Turismo que dirixe a nacionalista Raquel López Doce, sobre o cartaz chantado pola Deputación de Pontevedra nunha das paredes da Capela do Seixo, en San Miguel de Castro demostra o desleixo do Partido Popular polo noso patrimonio, un desprezo que o candidato á alcaldía por este partido ten manifestado en máis dunha ocasión a respecto da rehabilitación de fontes e lavadoiros que levou a cabo o BNG nos últimos anos en moitas parroquias da Estrada.

Mais se isto é un feito gravísimo, vindo dunha institución pública, xa que a capela do Seixo é un elemento catalogado por Patrimonio, non é menos grave que a Deputación de Pontevedra despregou nas últimas semanas un intenso dispositivo de instalación de cartaces por todo o concello en obras, nas que, en algúns

casos, o custe do cartel supera con creces á obra efectuada por esta institución. Un feito que só pode ser catalogado de despilfarro de cartos públicos, con fins estritamente propagandísticos de cara ás eleccións municipais.

Sen embargo, a Deputación das pequenas cousas ten grandes proxectos pendentes como o soterramento dos contedores do lixo da Praza do Mercado, a mellora do graderío da Baiuca, a recuperación das pistas de atletismo ou o muro de peche do campo da Baiuca, unha obras importantes e necesarias que suman un total de máis de 581.000 euros.

Tampouco queremos esquecernos da promesa tantas veces incumprida por parte da Deputación e de José López, de dotar ao campo do Callobre de herba artificial, unha promesa feita xa en 2008 que se recupera en cada convocatoria electoral, e sospeitamos que desta volta tampouco será unha excepción.

E para rematar cos despropósitos da Deputación de Pontevedra, temos recordar unha vez máis, e xa é a enésima vez que o denuncia o BNG, o mal estado da estrada Portela-Souto de Vea, que se atopa nun limbo burocrático, á espera do traspaso da Deputación á Xunta de Galiza; ou tamén a de Liñares a Ponteledesma cuxo lamentábel estado recorda máis a unha corredoira que a unha estrada que teñen que usar cada día os veciños de Moreira, Ribeira, Berres, Riobó, Oca e Castro.

O BNG defendeu en máis dunha ocasión a eliminación das Deputacións provinciais por seren unha peza prescindíbel no organigrama territorial, e non servir máis que de intermediaria discrecional no reparto de recursos e incrementar o gasto de persoal de maneira innecesaria. A actitude e o comportamento da Deputación de Pontevedra non fai que confirmar as reiteradas denuncias do BNG a respecto destas institucións provinciais, que resultan máis un estorbo que unha utilidade, como é o caso de todos os veciños e veciñas da Estrada.

Ningún comentario: