O CONCELLO DE TEO ORGANIZA ESTE ANO A CARREIRA PEDESTRE BATALLA DE CACHEIRAS QUE SE CELEBRA O 1 DE MAIO
· As persoas interesadas en participar poden anotarse enviando un correo electrónico a deportes@concellodeteo.com
· A carreira realizarase baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo (Delegación de Santiago)
· Precisamente hoxe 23 de abril conmemórase a Batalla de Cacheiras , que tivo lugar tal día coma hoxe de 1846
23 de abril de 2011. O Concello de Teo recolle o testigo da Asociación Veciñal Raviña Valdés de Cacheiras e organiza a Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras 2011 Concello de Teo que terá lugar o 1 de maio. Trátase dunha competición deportiva que se realiza dentro dos actos conmemorativos da Batalla de Cacheiras, que tivo lugar precisamente o 23 de abril de 1846.
A Concellería de Deportes organiza a carreira que contará co control técnico da Federación Galega de Atletismo (Delegación de Santiago). A proba, na que poderán participar atletas federados e non federados, comezará a partir das 11:00 horas e a secretaría da competición estará situada no Colexio da Ramallosa.
Para anotarse na carreira hai que enviar un correo electrónico a deportes@concellodeteo.com ou facelo persoalmente no departamento de Deportes municipal, na Casa do Concello -A Ramallosa-. Na inscrición hai que facer constar o nome e apelidos, data de nacemento completa, localidade de procedencia, clube e número de licenza federativa ou seguro escolar (se o ten), teléfono de contacto ou correo electrónico. O prazo para inscribirse remata o xoves 28 de abril ás 22:00 horas. Cabe destacar que non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido ou o día da proba. Para ter máis información telefónica pódese usar o número 981 815 700 e porse en contacto cos técnicos de deportes municipais.
A saída da carreira farase dende o CEIP da Ramallosa. A partir da categoría junior (atletas nados entre 1993 e 1989) o circuíto será de 10.500 metros aproximadamente. As categorías de atletas máis novos, pitufos, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil -cadete- e xuvenil realizarán percorridos máis curtos que van entre o 200 metros e os 3.500 metros.
Sobre os premios e agasallos como norma xeral establécense para os tres primeiros clasificados das categorías participantes en mulleres e homes. Pero tamén haberá recoñecementos específicos para o participante máis novo e o máis veterano que rematen a carreira ou para o colectivo de Teo que achegue máis participantes ou o primeiro clasificado de Teo en cada categoría.
Máis información nas webs www.concellodeteo.com ou www.correrengalicia.org.
Ningún comentario:
Publicar un comentario