OROSO – NOMEAMENTO DO PRIMEIRO FILLO PREDILECTO DA VILA

JOSÉ BREA DONO, FUNDADOR DO GRUPO BREA E AUTOS BREA, RECIBIRÁ O TÍTULO DE PRIMEIRO FILLO

PREDILECTO DE OROSO ESTE SÁBADO 30 DE ABRIL

Os veciños e veciñas que desexen participar no xantar de honra deberán dirixirse ao Concello de Oroso

27 de abril de 2011.- O Concello de Oroso está a ultimar os preparativos do acto no que nomeará ao seu primeiro fillo predilecto, unha honra que recae en José Brea Dono, fundador do Grupo Brea e de Autos Brea. O acto de nomeamento terá lugar terá lugar este sábado 30 de abril no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro e estará aberto a todos os veciños e veciñas do municipio.

Así, José Brea Dono será recibido ás 13:00 horas no centro cultural de Sigüeiro polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, á fronte da corporación municipal orosá. Un acto ao que acudirá acompañado por familiares e traballadores da compañía, e ao que está prevista a asistencia de distintas autoridades. Tras os preceptivos discursos, Manuel Mirás faralle entrega da distinción a José Brea Dono.

Posteriormente, a iso das 14:305 horas, a comitiva oficial desprazarase ata o centro deportivo Juanito Amigo Ferreiro de Sigüeiro, onde terá lugar un xantar na honra de Joaquín González. Un xantar no que os veciños e veciñas de Oroso poderán participar previa retirada da entrada durante os vindeiros días no Concello de Oroso.

Primeiro fillo predilecto

José Brea Dono converterase no primeiro fillo predilecto de Oroso, despois de que o Concello orosán se dotase o pasado ano dun regulamento de distinción polo que nomeou tamén fillo adoptivo a Joaquín González Iglesias, director xeral do grupo Vegalsa-Eroski. O seu nomeamento foi aprobado polo pleno municipal de 30 de setembro de 2010 cos votos a favor de PSOE, BNG e PP, e coa abstención da concelleira de Terra Galega (o Partido Galeguista non asistiu á sesión).

José Brea Dono, nacido en Oroso no ano 1928, é o fundador de Autos Brea e do Grupo Brea, que na actualidade dan traballo a un total de 212 persoas. Brea Dono é o segundo fillo dunha familia numerosa de 10 irmáns nacidos do matrimonio formado por Manuel Brea Vázquez e Manuel Dono Rey. Está casado con Celsa Hervés Parada, coa que tivo dous fillos e tres fillas. José Brea comezou a traballar no mundo da automoción aos 18 anos no taller mecánico Sánchez y Seoane (Santiago). Despois de traballar en Talleres Caeiro, abriu o seu primeiro negocio no 1961: un pequeno taller mecánico especialista nas marcas Seat e Renault en Santiago de Compostela.

No ano 1963, xunto ao seu irmán Luis (xa falecido), creou unha empresa de aluguer de automóbiles sen condutor: Autos Brea, un negocio pioneiro en Galicia e que despois se expansionou a Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e Ferrol. En 1975 abriu un novo taller de reparación de mecánica, chapa e pintura denominado Talleres Brea.

No 1979 nace o que hoxe é coñecido como Grupo Brea, coa apertura dunha nave no polígono do Tambre (Santiago) e como axente de vendas de Seat. Posteriormente, pasaron a ser concesionario de vehículos Seat, momento no que asumiron o nome de Brea Hervés. En 1986 convertéronse en concesionarios de Seat, Volkswagen e Audi. Despois chegarían Brea Móvil (1999), Brea Automoción (2002) e unha importante expansión por Galicia. Na actualidade, dá emprego a un total de 212 persoas: 52 en Autos Brea e 160 no Grupo Brea.

Ningún comentario: