Cascón insta á Xaquín García a que explique o cambio de localización dos colectores soterrados
· A localización destes colectores estaba prevista na rúa de Lugo como dotación incluída nas obras de reurbanización e non na rúa Rego da Raña
Arzúa, 23 de abril de 2011. O candidato do PP á Alcaldía de Arzúa, Armando Cascón, denuncia a falta de respecto do actual rexedor cos veciños. E é que tal e como explica, lonxe de buscar un clima de consenso e diálogo coa cidadanía, os nacionalistas están a impoñer as súas teses a costas do sentir xeral, como así se demostra nas obras de reurbanización da travesía urbana, rúas Lugo e Santiago. Neste sentido, indica ademais que o proxecto en execución, acaba co tecido comercial e que, por suposto, non responde ás verdadeiras necesidades da vila.
Asemade, pon como exemplo os desencontros que a cotío se producen entre os residentes no lugar e os dirixentes municipais, como así o demostra o último capítulo vivido o pasado martes día 18 de abril, onde os veciños da rúa Rego da Raña se puxeron en pé de guerra, plantándose ante a maquinaria pesada, cando os operarios da empresa que está a facer as obras da rúa de Lugo, se dispoñían a picar unha zona da devandita rúa Rego da Raña para a instalación duns colectores soterrados.
Cascón subliña que a localización destes colectores estaba prevista na rúa de Lugo como dotación incluída nas obras de reurbanización, motivo polo cal os residentes na rúa Rego da Raña, mostraron o seu malestar, ata o punto de asegurar que presentarían un escrito de queixa ante o alcalde, no que lle esixirían a expedición dun informe técnico onde se precisen con detalle os motivos que levaron a semellante cambio de localización, cando o concello dispón na zona da praza do Peregrino, que pode acoller a instalación sen prexudicar directamente a ningún veciño. Engade, asemade, que os residentes da zona teñen previsto solicitar unha copia do proxecto, para comprobar se estas obras están recollidas nalgún documento ou son froito da espontaneidade, carencia de planificación e conseguinte improvisación.
Para rematar, os populares pídenlle ao equipo de goberno, que se deixe da política de bandazos presente ate o de agora, e que escoite as reivindicacións dos veciños, para deste xeito dar resposta ás verdadeiras necesidades dun pobo que ten dereito a manifestar as súas preocupacións e preferencias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario