CONCELLO E CONSORCIO CELEBRAN UNHA REUNIÓN INFORMATIVA DE CARA A CREAR UN GRUPO DE TRABALLO PARA FACILITAR A CAPACITACIÓN PARA O ACCESO A CURSOS DE FORMACIÓN OCUPACIONAL
· Mañá ás 10:30 horas realízase esta reunión informativa sobre o tema no Concello de Teo
27 de abril de 2011. Os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Teo e a Oficina de Igualdade e Benestar do Consorcio Galego, situada en Ames, organizan unha reunión informativa sobre competencias clave. A xuntanza farase mañá no salón de plenos do Concello de Teo, na Ramallosa, ás 10:30 horas.
Con esta iniciativa preténdese crear un grupo de traballo para dar formación sobre capacitación en competencias clave. Actualmente para acceder á formación ocupacional ofertada pola Xunta hai que contar cunha titulación básica segundo os niveles de formación. As persoas que non conten neste momento co nivel de ESO poden realizar os exames en competencias clave, convocados pola Xunta de Galicia, para conquerir esa acreditación.
A actividade proponse dende o Equipo galego de inclusión social, xestionado pola oficina de I+B. A nivel municipal os servizos sociais comunitarios e a oficina de orientación laboral convocaron a persoas que cumplen co perfil obxectivo deste grupo de traballo. No caso de que se forme o grupo realizaríanse reunións semanais de seguimento no propio Concello de cara a preparar a convocatoria de exames oficiais.
Trátase de acadar unha capacitación básica e breve, que posibilite o acceso á formación ocupacional dos certificados de profesionalidade. No momento actual, cuns datos de paro moi elevados, cobra máis importancia esta capacitación. E este grupo de traballo é un paso previo para realizar os exames oficiais en competencias clave de cara a cumprir cos requisitos para o acceso á formación ocupacional.
As persoas interesadas neste tema poden porse en contacto cos Servizos Sociais municipais no 981 815 700 ou coa Oficina de Igualdade e Benestar do Consorcio Galego no teléfono 981 884 600.
Ningún comentario:
Publicar un comentario