Preséntase a VII Foliada de Melide, que se celebrará na vila a primeira fin de semana de maio
· O terceiro concurso de Cantos de Taberna, que incrementa o seu éxito ano tras ano, celebrarase o sábado dende as 12h na zona histórica de Melide coa participación de 15 grupos.
· Mostras de artesanía, seminarios, animación de rúa, folclore, baile, teatro, o serán e a música de Quempallou e Espido estarán o 30 de abril e o 1 de maio por todo Melide.
Os membros da Asociación Catasol encargados da organización da VII Foliada de Melide presentaron esta mañá en rolda de prensa, xunto coa alcaldesa, Socorro Cea, a programación completa deste evento que se desenvolverá na zona histórica de Melide os días sábado 30 de abril e domingo 1 de maio.
A Foliada é en encontro co folclore, a artesanía, a cultura e a música tradicionais que en cada nova edición adquire unha maior dimensión e participación, tanto de grupos musicais e culturais implicados como de público.
Este ano o comezo da Foliada será o sábado 30 de abril ás 11h coa apertura da Mostra de artesanía e exposicións que permanecerá aberta durante os dous días na Praza do Convento. Ao mesmo tempo, no Edificio Multiusos desenvolverase o Seminario de percusión para o canto tradicional nunha dobre sesión, teórica e práctica, unha pola mañá e outra na tarde do sábado.
Durante todo o día as rúas de Melide contarán con animación de rúa, xigantes e cabezudos acompañados pola música das gaitas. Este ano chégase xa á terceira edición do Concurso de cantos de taberna, unha iniciativa que nos últimos anos vén incrementando considerablemente o número de grupos participantes que percorren os distintos bares e tabernas da zona histórica de Melide na procura da mellor opinión da clientela. O Concurso de cantos de taberna comezará ás 12h do sábado.
Pola tarde, a música do Rancho Folclórico “Os rouxinois” encherá a Praza do Convento a partir das 17h. Dúas horas despois e moi preto dalí (na Igrexa de San Antón), actuará o grupo Arpelik Ez de Euskadi.
A xa tradicional marcha gaiteira, que une as músicas de todos os grupos que participan na Foliada comezará a partires das 19.30h, xusto antes da celebración das actuacións máis agardadas: o serán e as actuacións de Quempallou e o Home orquestra (“Cé orquestra pantasma”).
Serán na Praza das Coles, como xa se fixo en anos anteriores, onde os 18 grupos folclóricos que participan no Serán vaian pasando polo escenario instalado nesta praza, a partires das 20.30h. Despois deles actuará o célebre grupo galego “Quempallou” e o espectáculo de “Cé orquestra pantasma”, coñecido como “O home orquestra”.
Para o domingo, amais da animación de rúa, e a apertura da mostra de artesanía, a organización reservou a organización de xogos tradicionais na praza das Ichoas dende as 12h da mañá, a actuación do grupo vasco Arpelik Ez na praza do Convento dende as 13h e a mostra de baile tradicional co grupo A Maristela de Sobrado ás 13.30h.
Pola tarde, tamén na praza do Convento, será o momento da actuación teatral de Peter Punk (18h) e, como fin de festa, a actuación do grupo galego Espido na praza das Coles a partir das 19h.
Dende a comisión de organización da Foliada, Miguel Varela e Eva Balboa destacaron que “nesta sétima edición a Foliada consolidouse como un referente musical e cultural en todo o país”. Pola súa parte, Socorro Cea presentou o evento como “a gran festa da cultura que é a Foliada” e lembrou que “Melide é berce de tradición gaiteira, pois hai que lembrar que foi en Melide onde se atopou a primeira representación gráfica dunha gaita”. Cea dixo tamén que “a Foliada é unha homenaxe á nosa tradición, ao idioma e á identidade do noso país”, e destacou tamén que “a Foliada de Melide é unha homenaxe á nosa historia e tradición; Melide non se entende sen o son dunha gaita, un legado que hoxe é recollido pola xente nova”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario