Amosando publicacións coa etiqueta O PINO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O PINO. Amosar todas as publicacións

Comunicada da ANPA do CPI Camiño de Santiago en O PIno sobre as obras no colexio

O Pino, 20/08/2016 - Diante da novas que están a coñecerse estes días, a ANPA do CPI Camiño de Santiago quere facer as seguntes aclaracións:

O CPI Camiño de Santiago non ten ximnasio. Para desenvolver as clases de educación física e realizar outras actividades que deberían facerse no ximnasio que non hai, os mestres e alumnos do CPI Camiño de Santiago utilizan o vello pavillón polideportivo municipal que está ao carón do colexio.

O PSOE de O Pino, demanda o comezo das obras comprometidas para o CPI Camiño de Santiago

O Pino, 17/08/2016 - Os Socialistas de O Pino denuncian, que cando falta menos de un mes para que de comezo o novo curso escolar, as obras comprometidas para o Centro da localidade están sen empezar.

O mellor fútbol sala alevín de Galicia cítase o sábado en Arca, O Pino

27/5/2016 - O torneo autonómico de categoría Alevín reunirá a sete dos mellores equipos de fútbol sala de Galicia. A competición comezará ás 10h coa fase de grupos e finalizará ás 18.45h coa final polo título

O Psoe de O Pino denuncia a hipoteca que supón un novo crédito cos bancos

O PSOE de O Pino afirma que o crédito solicitado polo Concello para facer fronte ás indemnizacións do caso Fadesa “hipoteca o futuro económico do municipio”.
Denuncián que entre 2018 e 2025, as arcas municipais deberán afrontar desembolsos anuais de 153.000 euros.

A Deputación inviste en O Pino

O pasado xoves, día 14 de abril, a Deputación da Coruña, presidida polo Socialista Valentín González Formoso, presentou un dos seus novos plans, o Plan de Emprego Local (PEL).

Psoe O Pino - Solicitude de información sobre a venda de madeira das masas comúns

Os Socialistas de O Pino solicitan información no Parlamento Galego sobre os criterios de xestión e veda de madeira das masas comúns xestionadas por Bantegal.

Os deputados, Pablo García García, José Antonio Sánchez Bugallo, Raúl Fernández Fernández e José Ramón Val Alonso, pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, tras petición de PSOE de O Pino, presentan ante á Mesa do Parlamento varias cuestións sobre os criterios de xestión das parcelas mentres estas se atopan baixo a responsabilidade e titularidade do Banco de Terras.

O Banco de Terras de Galicia é un instrumento da Consellería do Medio Rural co que se pretende regular o uso e aproveitamento de fincas con vocación agraria, co dobre obxectivo de evitar o seu abandono e de poñelas a disposición de todas aquelas persoas que necesiten terra para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación da natureza e patrimonio ou outros usos de interese social.

Na Lei 7/ 2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Bando de Terras de Galicia, regúlase todo o referido as funcións, procedemento, etc. Entre outros, se recolle que a entidade Xestora do Banco de Terras de Galicia poderá realizar traballos de mellora nos predios que integran o Banco de Terras, coa finalidade de conservar os seus recursos naturais e favorecer unha explotación racional dos seus recursos.

En definitiva que é responsabilidade a xestión de ditas parcelas cando se atopen incorporadas ó Banco de Terras e mentres estas non sexan transferidas a outro titular.

No concello de O Pino, nos últimos meses, estase a proceder a corta de madeira en varios predios forestais (antigas masas comúns), propiedade de Bantegal.

Por todo ilo, os Socialistas de O Pino, queren que o Parlamento Galego informe de "cales son os criterios de xestión de ditas parcelas, como se decide a venda de madeira de unha determinada parcela, cal é o procedemento para a súa venda, e a que se destinan os recursos obtidos". Para así poder informar de todo ilo a veciñanza.

Tamén apuntan, que moitas destas parcelas unha vez procedida a corta da madeira pasan a un total estado de abandono, o cal non contribúe a favorecer á explotación racional dos recursos, fin que ten Bantegal.

Psoe O Pino - Os orzamentos do 2016 son continuistas

O PSdeG de O Pino, cualifica os Orzamentos 2016 totalmente continuístas, critican que non se aposte pola dinamización do Concello.

Na sesión plenaria celebrada hoxe, o Partido Popular, sacou adiante os orzamentos para o ano 2016, sen contar para nada, como ben sendo costume, coa opinión do principal partido da oposición. Orzamentos, que ascenden a 3.758.661,66€, tanto no capítulo de ingresos como no de gastos.

O Partido Socialista de O Pino considera o orzamento 2016 continuísta, un orzamento que non aposta pola dinamización do concello, non aposta polo crecemento, non ten ningún plan específico encamiñado a emprego, é máis, vemos partidas de 165.000€ adicados a distintos festexos e tan só 10.000€ en promoción de emprego, pensamos que este exemplo xa o di todo, é dicir, sobararían palabras para poder definilo.

Na mesma sesión plenaria, aprobouse por unanimidade os proxectos do POS, pola contra, o PAS, non contou coa unanimidade da corporación.
Nesta sesión plenaria tamén se aprobaron os proxectos do POS e PAS, neste último, os Socialistas, foron moi críticos cos proxectos presentados polo goberno do Partido Popular, onde a gran maioría, deles, carecen dun interese social importante. Exemplo claro, os 88.000€, o 30% do plan, adicado ao acondicionamento exterior e urbanización da parcela do futuro social cultural da parroquia de Castrofeito. “Cando temos locais sociais en total estado de abandono, un deles o da parroquia de Lardeiros, que nos presente esta obra, que quere que lle digamos. Non estamos en contra da obra, pero a mesma, se podería facer con menor orzamento, e realizando a mesma por fases. Xestionar, recursos escasos, é difícil, pero trátase de repartir e priorizar nas necesidades, e non só investir nas parroquias onde están domiciliados os concelleiros/as do seu grupo”, apuntas os socialistas. Votando en contra dos proxectos presentados para este plan.

Psoe O PIno - Enmendas aos orzamentos da Xunta

O PSdeG-PSOE presentará varias emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2016 a iniciativa do Grupo Socialista de O Pino. 

Entre elas, destaca a petición de melloras no CPI Camiño de Santiago, un centro con máis de 30 anos, que precisa de xeito urxente melloras estruturais importantes como a substitución dos aseos, melloras nos distintos patios e zona de ocio do recinto escolar, melloras na estrutura da escaleira de emerxencia, pintado exterior do edificio ou substitución das canastras de baloncesto. 

A dotación dun ximnasio para o centro escolar, que foi eliminado cando se realizaron as obras de integración da ESO, é outra das melloras demandas polos socialistas, así como a dotación dunha praza de conserxe, un servizo que foi eliminado en xuño de 2014 tras a xubilación do anterior empleado. 

Pediatra no centro de sáude 

Os socialistas de O Pino demandan ademáis a dotación orzamentaria suficiente para que o centro de saúde da localidade conte con atención pediátrica diaria. Actualmente, o servizo só está disponible os luns, mércores e venres, polo que os martes e os xoves os nenos teñen que ser trasladados ao centro de saúde de Touro, o que supón uns despramentos duns 17 quilómetros. Ademáis tampouco se cubren as baixas ou vacacións do facultativo/a. 

Dende o PSOE lembran que, ademáis do inconvinte do desprazamento, éste pode supor tamén unha importante perda de tempo nun caso de atención urxente, xa que Touro está máis lonxe de Santiago, a zona de referencia no eido de atención sanitaria hospitalaria na comarca. 

Psoe O Pino - Propostas para os plans da Deputación

O Grupo PSdeG-PSOE de O Pino presenta as súas propostas para o PAS e o POS 2016

Os Socialistas de O Pino presentan as súa propostas para o PAS, “Propostas moi demandadas pola veciñanza e marcadas con un carácter social importante”, asemade, presentan os seus proxectos de obras para o POS 2016.

O PSdeG-PSOE de O Pino, rexistrou  as súas propostas para o Plan de Acción Social (PAS), e, os proxectos de obras para o Plan de Obras e Servizos (POS 2016).

O pasado 8 de outubro, o Pleno da Deputación da Coruña aprobou as bases do POS 2016, e tamén, as bases dun novo programa denominado Plan de Acción Social (PAS).
Este último, é un plan impulsado polo executivo provincial, destinado a colaborar cos concellos no financiamento de investimentos “financieiramente sostibles”, e que conte con un “carácter social” importante. 

O Concello de O Pino vai recibir da Deputación da Coruña un total de 662.938,38€. Deslindado, 382.464,45€ contía do PAS e 280.473,93€ contía do POS 2016.

Ambos programas, contaron para a súa aprobación dun amplo consenso, e incluso unanimidade no que o PAS se refire. Na procura do mesmo entendemento, á hora de aprobar os proxectos para o Concello de O Pino, o Grupo do PSdeG-PSOE de O Pino presenta algunha das súas propostas. Mostrando a súa total dispoñibilidade, para o debate e discusión das mesmas.

Propostas para o PAS (Plan de Acción Social) · Acondicionamento dun local, con distintas salas (na parroquia de Arca), para que poidan facer do seu uso todas as entidades culturais e deportivas domiciliadas no Concello. Utilizando para ilo algunha das edificacións xa existentes como ben pode ser a antiga Cámara Agraria, a antiga Casa Consistorial ou, o antigo PAI.

· Acondicionamento e melloras (aseos, pintura, cambio de fiestras, etc…) nos distintos locais sociais parroquiais, entre outros, Local Social de Lardeiros, Local Social de Gonzar, Local Social de Ferreiros (Tele Club), Local Social de San Miguel, etc….

· Melloras e ampliación do parque infantil, sito na rúa Forcarei. Dotando o mesmo dunha estrutura que poida facilitar sombra o mesmo, para que os cativos poidan gozar da instalación en época estival.

Propostas para o POS 2016· Remate dos arranxos (estradas locais) que quedaron pendentes tras a execución do POS 2015.

· Arranxos en estradas locais, entre outras; A Torre (Ferreiros - San Breixo) a Ramil (San Mamede de Ferreiros), Oza (San Mamede de Ferreiros) a límite con Touro.

· Aglomerado da vía (tramo pendente) que vai dende a N 547, en Arca, a límite con Touro parroquia de Bama, é dicir, dende o cruce da Rúa Codesal con Rúa Casilla a límite con Touro.

· Construción de beirarrúas, substitución de alumeado público, e rede de saneamento (pluviais e fecais) na rúa os Mollados parroquia de Arca.

· Primeira Fase dun Plan de Sinalización Vertical para todo o Concello. Levar a cabo un plan de sinalización integral, por fases, sinalizando as 176 aldeas e as 13 parroquias do concello.

Xunta de Galicia - Mellora da seguridade no Camiño de Santiago

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou onte o traballo coordinado que realizan a Xunta e o Goberno de España para mellorar a seguridade viaria do Camiño de Santiago. Así o manifetou durante o acto de presentación esta tarde, no concello do Pino, do proxecto de mellora dos cruces da Ruta Xacobea, a cargo da ministra de Fomento, Ana Pastor.

No acto, no que tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a conselleira de Infraestruturas destacou que, tal e como está previsto no Plan Director do Camiño de Santiago, os Orzamentos da Xunta para 2016 prevén o investimento de 250.000 euros na mellora das estradas autonómicas polas que transcorre a Ruta Xacobea.

Ademais, destacou que o Goberno galego xa vén traballando nesa dirección e, de feito, neste ano 2015 xa mellorou a sinalización horizontal das estradas autonómicas do Camiño Francés.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, trasladou o seu agradecemento á ministra polo traballo que ven facendo o Goberno de España a prol da seguridade e destacou a importancia da coordinación nun tema tan importante coma este.

Neste senso, Nava Castro fixo referencia a Comisión de Seguridade Viaria nos Camiños de Santiago, constituída o pasado mes de xullo. Unha comisión de carácter multidisciplinar, froito do impulso conxunto do Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia, que está a mellorar, segundo sinalou, os puntos de cruzamento entre as estradas estatais e autonómicas e o Camiño de Santiago. 

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta afirmou que a seguridade constitúe un dos asuntos prioritarios e transversais do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, contendo numerosos plans de acción centrados en garantir a seguridade dos peregrinos.

BNG O PIno - O BNG insta ao alcalde a asumir como propias as demandas do CPI Camiño de Santiago

A pretensión da Consellería de Educación de agrupar nunha única aula aos alumnos e alumnas de 5º de Primaria superando o límite de 25 alumnos por aula que marca a lexislación da propia Consellería, situación agravada polo feito de que unha parte do alumnado precisa reforzo, provocou que dende a ANPA se decidise que os escolares afectados non acudisen a clase e programar medidas de protesta ante unha decisión arbitraria como é que a Consellería incumpra a súa propia normativa.

Dados os reiterados problemas que cada curso escolar se dan no CPI polas inxustificadas e discriminatorias decisións da Consellería de Educación, cabe preguntarse qué razóns hai para este comportamento.

Ante a situación creada, dende o BNG instamos ao alcalde a que asuma como propias as demandas da ANPA e como lle corresponde, leve a cabo ante a Consellería de Educación as xestións necesarias para que se respecte un dereito básico, como é o da educación.

Psoe O PIno - Apoio as mobilizacións da comunidade educativa do CPI Camiño de Santiago

Onte por segundo día consecutivo, os pais e nais dos alumnos de 5º de primaria do CPI Camiño de Santiago, en O Pino, non levaron os seus fillos e fillas o centro como sinal de protesta polo recorte de profesorado que lles están a impoñer os responsables da Consellería de Educación, impedindo o desdobramento de dito curso.

Falamos de alumnos que dende o primeiro curso de primaria estiveron en dúas clases distintas, e que este ano suman un total de 26 alumnos/as, e o ratio máximo, fixado polo Real Decreto, é de 25 alumnos/as por aula. Ademais, nese grupo hai alumnos con necesidades especiais, e este número podería verse incrementado se o longo do curso se matricula algún outro rapaz ou rapaza.

O Grupo municipal do PSdG-PSOE, apoia as reivindicacións de toda a comunidade educativa. Precisamente, o concelleiro socialista e S. Xeral dos socialistas de O Pino, Óscar Vilar, acudiu á concentración convocada pola ANPA do CPI que reclama o devandito profesor para o centro e denuncian os recortes por parte da Consellería de Educación. Lamenta que, esta sexa á tónica ano tras ano do Goberno Feijóo, "lembremos que o noso centro xa sufriu recorte do cadro do profesorado no curso 2014/15 en relación o curso 2013/14, seguimos sen ter resolto, por parte do gober local, a problemática do conserxe. E xa non falo como político local, senón, como pai dunha alumna do centro, voto en falta máis implicación e interese en solucionar o asunto por parte do alcalde popular Manuel Taboada, tan só é cuestión de esquecerse das cores políticas que cada quen representa e defender as reivindicacións dos veciños e veciñas que para iso nos elixen. E os pais e nais de O Pino queremos unha educación pública de calidade para todos e todas", palabras do socialista Vilar.

Club MontaeVai O Pino - Nova xunta directiva

O Clube MontaeVai O Pino vén de celebrar unha asemblea extraordinaria onde Óscar Vilar Chento foi elixido, de novo, como Presidente da entidade. Con el estarán, compartindo tarefas de xestión, José María Blanco Pampín como Secretario, José Luis Vilariño Castro nas funcións de tesoureiro, e Roi Vázquez Vilariño e Javier Rouco Pintor en calidade de vocais. En total, a entidade conta con máis de 60 asociados de diferentes concellos ademais de O Pino, como Arzúa, Touro, Ames, Santiago, Brión, Rois, Oroso ou Frades.

A pesar de comezar a súa andaina hai moi pouco tempo-no 2011-, a agrupación suma iniciativas, apoios e asociados continuamente. Precisamente, nesta última asemblea aprobouse a creación da sección de Atletismo. O obxectivo é, en palabra do Presidente, Óscar Vilar, “que todos aqueles afecionados ó atletismo, que son moitos, teñan un clube local a través do que federarse e seguir apostando pola práctica deportiva e a vida saudable. Sabemos que é un reto, pero damos resposta así a unha demanda que existía tanto en O Pino como en municipios limítrofes. Estamos convencidos que con esta iniciativa o noso censo pasará do cento de asociados”. Os interesados poden obter máis información en www.montaevai.es.

Psoe O Pino - O alcalde cobrará o mesmo que o de A Coruña

Taboada fíxase un soldo de 40.000 euros ao ano, o máximo legal permitido para un concello de menos de 5.000 habitantes, igual ao que cobrará o alcalde da Coruña 

Os socialistas solicitan a celebración dun pleno ao mes e a participación da oposición nas comisións informativas.

O Concello de O Pino celebrou a primeira sesión plenaria deste novo mandato no que se aprobou a organización do goberno municipal presidido por Manuel Taboada. 

Durante o pleno, os socialistas criticaron que o alcalde “use os máximos legais para establecer os soldos e dedicacións do goberno municipal, ao mesmo tempo que fixa como criterio os mínimos legais para fixar a periodicidade dos plenos, a participación da oposición nas comisións informativas e outras cuestións que afectan á transparencia e participación municipal”.

Neste sentido, a portavoz socialista, Begoña Pampín, censurou que Taboada se fixe un soldo de 40.000 euros brutos anuais, “o máximo legal permitido para un concello de menos de 5.000 habitantes” e lembrou que este salario será igual ao anunciado polo novo alcalde da Coruña. Asimesmo, o Grupo Popular aprobou tamén dúas dedicacións exclusivas a maiores da do alcalde, “neste caso (dedicacións) falamos tamén do tope legal permitido” fixando as contías en 24.598,42 € e 20.605,06 € ao ano.

“Sen embargo, o alcalde usa os mínimos legais como criterio para fixar aquelas cuestións que teñen que ver co funcionamento do Concello, como a periodicidade das sesións plenarias, que seguirá sendo de unha cada tres meses”.

Os socialistas demandan un pleno ao mes

Os socialistas consideran “moi insuficiente” a periodicidade das sesións plenarias, polo que solicitaron que se convoquen mensualmente, quitándolle competencias á Xunta de Goberno Local, nas que o Alcalde delega o máximo de competencias permitidas por lei. Ademais, solicitaron a creación de comisión informativas previas os plenos intregrada por todos/as os membros da Corporación e incluír a oposición nas Xuntas de Goberno Local.

“As Xuntas de Goberno non son públicas e as súas deliberacións son segredas, mentres que o pleno é o foro político por excelencia onde cada grupo expón as súas ideas públicamente, polo que nun momento no que a cidadanía esixe administracións máis transparentes parece razoable pedir máis plenos”, afirmou Pampín.

Psoe O Pino - Denuncia do carrusel de obras en campaña

O PSdeG-PSOE de O Pino criticou hoxe o “carrusel de obras” iniciado polo goberno municipal a escasos días das eleccións municipais.

“Un frenesí difícil de entender e de xustificar, que só se pode entender como unha acción electoralista cando levamos tres anos e medio de parálise, sen unha soa obra no concello a excepción das financiadas polo POS da Deputación da Coruña”, afirmou a candidata á alcaldía da localidade, Begoña Pampín, que censurou “as présas de última hora” do goberno de Manuel Taboada “para intentar xustificar o que foron catro anos perdidos para O Pino”.

Entre as obras iniciadas nas últimas semanas, os socialistas destacan a do local social de Castrofeito que suporá un investimento de máis de 300.000 euros que consideran “inncesario”, pois xa existía un edificio con valor histórico e arquitectónico que podería albergar o local, e “excesivo, tendo en conta que o resto dos locais sociais do municipio están abandonados”.

Pampín considerou que a realización de obras no termo municipal “é positivo sempre que supoñan unha mellora para os veciños”, pero apuntou que éstas deben facerse “con planificación e sentido durante toda a lexislatura” e non “nas últimas semanas do mandato, só co obxectivo de conseguir un puñado de votos”

Touro - O concello conxuntamente con o de O Pino solicitan un obradoiro de emprego

Os Concellos de Touro e O Pino solicitaron conxuntamente á Consellería de Traballo e Benestar a realización do ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’ nas especialidades de Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes e Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas. O programa foi convocado a través da Orde do 30 de decembro de 2014, publicada no DOG do 13 de xaneiro de 2015.

O ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’, que irá destinado a 20 desempregados incluindo as dúas especialidades, está inscrito nunha acción global que desenvolverán os Concellos de Touro e O Pino e que tén como obxectivo a posta en valor do patrimonio natural e etnográfico, a promoción turística do territorio e a inserción laboral de desempregados. Os dous Concellos tamén pretenden mellorar a ocupación das persoas desempregadas neste territorio coa cualificación profesional adquirida a través da experiencia laboral mediante a realización de obras ou prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Touro e O Pino confían en lograr o obxectivo de poñer en marcha no seu territorio o ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’. O proxecto basease nunha análise das fortalezas e oportunidades destes dous concellos e que son as seguintes: proximidade á capital de Galicia, existencia dunha relevante riqueza natural e paisaxística, dotación de infraestructuras para a promoción turística (albergues públicos e privados, casas de turismo rural, hostales, hoteles, oficinas de información turística, roteiro alternativo de bicicletas dos peregrinos que camiñan a Santiago, audioguías e roteiros de sendeirismo homologados), existencia de Rede Natura e consolidación do programa de promoción turística Área de Santiago.

Os alumnos/as traballadores participantes, unha vez rematado o periodo de formación, estarán en condicións de acceder ao mercado laboral, ben por conta allea ou creando a súa propia empresa.

Os Concellos de Touro e O Pino destacan a importancia que suporía a realización de este obradoiro de emprego. “O sector turístico e forestal son un motor de despegue económico da comarca”, indican os dous concellos, que destacan que os traballos consistirán en potenciar recursos e elementos que poñan en valor o potencial turístico e forestal. A masa forestal, un recurso endóxeno por explotar, é nestes dous concellos da máis abundante da comarca.

BNG O Pino - Demanda de restablecemento do servizo de conserxería no CPI Camiño de Santiago

O BNG de O Pino responsabiliza ao Alcalde, Manuel Taboda, da situación que se está dando no “CPI Camiño de Santiago” polas carencias no servizo de conserxería.

No colexio público de O Pino estase dando unha situación anómala ao non existir persoal que faga as labouras propias do servizo de conserxería, xa que só existe unha persoa contratada a tempo parcial e para determinadas tarefas que non abarcan a meirande parte deste servizo.

A situación remóntase ao inicio do curso escolar, cando a alcaldía se negou a cubrir a vacante por xubilación de esta praza, tendo que ser a dirección do centro quen se fixese cargo do servizo. Lémbrese que polo acordo da Consellería de Educación e da FEGAMP do 2006, correspóndelle aos concellos prestar o servizo de conserxería nos centros escolares. A alcaldía alegaba razóns legais (taxa de reposición) para non cubrir a praza e que debía ser a Consellería quén se fixese cargo, accedendo só á contratación dunha persona a tempo parcial, logo das presións da comunidade escolar.

Esta interpretación legal, que non fai ningún outro Concello, carece de toda base, e no proprio escrito remitido polo Alcalde ao centro de ensino, éste tamén manifesta que nada impide que a persona contratada asuma tódalas funcións do servizo.

Polo tanto, a non contratación non se apoia en ningún impedimento legal.

Dende o BNG de O Pino, pensamos que o ensino público non debe ser vítima dos enfrentamentos entre responsábeis da Administración e de novo DEMANDAMOS O RESTABLECEMENTO DO SERVIZO DE CONSERXERÍA.

BNG O Pino - Demanda para que o concello asuma a conserxaría do CPI Camiño Santiago

O BNG do Pino, demandará no pleno de hoxe, día 24 de setembro, que o Concello asuma integramente o servizo de Conserxaría do CPI Camiño de Santiago.

No inicio deste curso, víve unha situación totalmente anómala, ao ter que asumir a directora do Centro a función do conserxe, por quedar vacante esta praza.

Hai que lembrar que por acordo do 2008 entre a Consellaría de Educación e a FEGAMP, correspóndelle aos concellos prestar os servizos de conserxaría.

Amparándose, supostamente, na lexislación estatal que impide repor esta praza con carácter definitivo, o Concello negouse, inicialmente, a prestar o servizo, para despois aprobar que unha persoa dunha empresa de servizos se dedique a este labor a media xornada, o que resulta insuficiente para cubrir o horario do centro escolar.

Por isto reclamamos dedicación a tempo completo tal e como demandan a ANPA e o Claustro de Profesores, a fin de acabar cunha situación irregular que imposibilita o normal funcionamento do centro.

Por último, queremos salientar a desleixo do concello neste tema, toda vez que trala xubilación do conserxe no mes de xuño, houbo tempo máis que suficiente para resolvelo todo.

Por todo isto, o BNG ven de presentar unha moción para que se contrate unha persoa para o posto de conserxe, tal como viña ocorrendo ate aquí.