MELIDE – 15 GRUPOS DE FOLK NA FOLIADA DE ESTE FIN DE SEMANA

Os cantos de taberna abren unha fin de semana de Foliada en Melide

· 15 grupos de folck percorrerán as tabernas de Melide dende as 12h do sábado na procura da mellor valoración dos taberneiros.

· A gran festa do serán dará comezo ás 20.30h nun grande escenario instalado na praza das Coles, polo que pasarán 18 grupos e o peche de xornada con Quempallou e o Home Orquestra.

Aínda que as previsións meteorolóxicas falen dun empeoramento do tempo para esta fin de semana, os membros da Agrupación O Castelo que organizan o sábado e o domingo a VII Foliada de Melide preveron xa calquera contratempo derivado deste empeoramento coa instalación dun gran escenario cuberto na praza das Coles.MELIDE FOLIADA 2011 DOS

Será nesta praza, cuberta na súa totalidade por unha inmensa carpa, onde teña lugar o tradicional Serán, que este ano contará coa participación de 18 grupos. O serán dará comezo ás 20.30h e será a posta en escena de todos os grupos que durante a fin de semana encherán Melide de música tradicional. Ao remate do serán, na madrugada, o grupo galego Quempallou de longa tradición musical en Galicia poñerá o broche de ouro, xunto coa actuación do “Home orquestra”, ao primeiro día da Foliada de Melide.

Xa dende as 11 da mañá respirarase por toda a zona histórica o ambiente que crea este evento, que este ano chega á súa sétima edición. Será ás 11 cando abran ao público os stands de artesanía e as exposicións que poden visitarse durante toda a fin de semana na praza do Convento. A animación de rúa con xigantes e cabezudos precederá ao inicio dos Cantos de taberna, previsto para as 12 do mediodía. Os 15 grupos que xa se inscribiron para participar neste particular certame percorrerán a zona dos viños de Melide levando a súa música ás principais tabernas e bares da zona histórica.

Neste sábado tamén haberá tempo para a formación, tanto teórica como práctica a través da celebración do Seminario de percusión para o canto tradicional, que se desenvolverá dende as 11h da mañá no Multiusos. Ademais, pola tarde o grupo vasco Arpelik Ez actuará na igrexa de San Antón ás 19 horas.MELIDE FOLIADA 2011 UNO

A Foliada celebrarase o sábado e tamén o domingo. Para esta última xornada está prevista a actuación do grupo Treboeiros na praza do Convento ás 18h e o grupo Espido ás 19h na praza das Coles. Durante todo o domingo permanecerán abertos os stands de artesanía e haberá xogos tradicionais durante a mañá na praza das Ichoas. O baile tradicional de A Maristela de Sobrado ás 13.30h e a actuación teatral de Peter Punk serán as citas da tarde do último día da Foliada.

Ningún comentario: