DE CATRO ASCENSOS CONSECUTIVOS
O Concello de Oroso xa trasladou a súa felicitación aos integrantes do Oroso TM, o primeiro conxunto deportivo orosán que acada a máxima categoría da súa especialidade
25 de abril de 2011.- O Oroso TM de tenis de mesa vén de conseguir esta fin de semana o ascenso a Primeira Nacional, encadeando unha racha de catro ascensos consecutivos dende que o seu máximo responsable técnico, Valeri Malov, se fixera cargo do equipo. Deste xeito, o Oroso TM fai bo o vaticinio feito polo propio Malov ao alcalde orosán, Manuel Mirás, o día da súa presentación: Oroso terá un equipo na Primeira División Nacional.
Así, o Oroso TM, co equipo máis novo da liga (formado polo propio Malov e dous xuvenís procedentes da canteira orosán), rematou unha fase de ascenso perfecta e encadea catro ascensos en catro temporadas consecutivas. Un ascenso á Primeira División Nacional que chega despois de que os xogadores orosáns remataran primeiros no seu grupo de 2ª División Nacional.
Despois, os pasados domingos 17 e 24 de abril, o Oroso TM Grupo Puentes disputou a fase de ascenso contra os catro primeiros clasificados da Liga Regular do Grupo 2 da 2ª División Nacional. No primeiro domingo, os orosáns gañaron os seus catro partidos e onte domingo refrendaron o seu triunfo con outras catro victorias. Destacou, sobre todo, un último partido contra o Helios Bembibre de Vigo, no que se decidía o primeiro posto da fase e o ascenso directo. O Oroso TM, xogando como local no centro deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro, contou co apoio da afeción para acadar unha victoria por 5-1. A festa de celebración alongouse ata ben entrada a noite.
Durante a próxima tempada, o Oroso TM enfrontarase a equipos semiprofesionais, o que será un duro reto que os compoñentes do equipo afrontan con ilusión e optimismo de poder facer un bo papel. Equipos de Galicia, Asturias, País Vasco, Castela e León, Cantabria e Madrid integrarán o grupo de 1ª División Nacional que visitaran Sigüeiro durante os próximos meses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario