BRION – ARQUIVO DE DENUNCIAS PRESENTADAS ANTE O VALEDOR

O VALEDOR DO POBO ARQUIVA AS QUEIXAS DO PP SOBRE A CONTESTACIÓN DAS PREGUNTAS DOS GRUPOS MUNICIPAIS NAS SESIÓNS PLENARIAS

O Valedor admite a explicación da Alcaldía conforme as preguntas son respostadas, pero “do xeito que esta Alcaldía estime máis oportuno ou conveniente, non como queiran os outros grupos municipais”

25 de abril de 2011.- O Valedor do Pobo concluíu e arquivou o expediente aberto contra o Concello de Brión pola denuncia realizada polo PP sobre a última sesión de 2010, na que denunciaba que o alcalde non contestara ás preguntas populares e o cambio de data da sesión ordinaria. O Valedor do Pobo considera motivadas as explicacións realizadas polo Concello de Brión en ambos casos, polo que lle comunicou ás partes a conclusión do expediente de queixa e o seu arquivo.

Unha comunicación que tivo lugar o pasado 14 de abril e que foi recibida polo Concello de Brión o pasado 18 de abril, días antes de que o PP de Brión insistira nos medios de comunicación na existencia desa irregularidade. Como conclúe o escrito realizado polo Concello de Brión, “está suficientemente garantido que todos os grupos municipais poden formular preguntas e esta Alcaldía debe respondelas, pero respondelas do xeito que esta Alcaldía estime máis oportuno ou conveniente, non como queiran os outros grupos municipais”. Unha postura que xa mantivera o alcalde, Xosé Luís García, durante a mesma sesión que motivou a denuncia do grupo municipal popular.

O Valedor do Pobo tamén admite a “excepción singular previamente motividada e ratificada polo propio Pleno” do cambio de data na sesión ordinaria de decembro. Un cambio que, como xustificou o alcalde ao inicio da sesión, estivo motivado como unha excepción para non ter que convocar unha sesión extraordinaria para a aprobación dos orzamentos municipais, e aforrarlle ás arcas municipais ter que aboar as correspondentes asistencias a pleno dos concelleiros.

Ningún comentario: