Ordes, 17/06/2016 - O Concello de Ordes xa ten todo listo para a apertura da piscina
municipal do Muíño de cara a mañá sábado, 18 de xuño.
Ao longo das últimas
semanas traballadores e técnicos municipais estiveron realizando distintas
intervencións en materia de arranxos e mellora co fin de ofrecer o mellor
servizo. Grazas a todo isto este ano veciñas e veciños poderán facer uso destas
instalacións dende mediados de xuño, e non a partir de xullo tal e como se viña
facendo nos últimos anos.
Quen desexe facer un carné para esta
tempada pode solicitalo xa na Concellería de Deporte, situada no primeiro andar
do Concello. Será preciso que ademais dos seus datos persoais achegue tamén
unha fotocopia do DNI e unha fotografía tamaño carné. No caso das persoas
adultas o custo para toda a tempada será de 20 € e para as menores 12 €. Tamén
se poderá adquirir por mensualidades, en cuxo caso o prezo será de 12 e 6 €
respectivamente. No caso de xuño esta contía reducirase a 2,6 e 5,2 €, mentres
que en setembro será de 2,2 e 4,4 €, segundo sexan para menores ou maiores. Os prezos para adquirir
entradas por xornadas soltas será de 1,50 € para as persoas adultas e de 1 €
para os nenos e nenas.
Ademais, ata o 23 de xuño estará aberta a
inscrición para participar nos cursos de natación que terán lugar nas mesmas
instalacións en xullo e agosto. Para iso os/as interesados/as a partir de 3
anos deberán apuntarse na Concellería de
Deportes de 9 a 14 horas. Os prezos oscilan de 30 a 20 € mensuais segundo sexan
maiores de 16 anos ou non. As clases terán lugar de luns a venres en horario de
mañá. O aboamento desta tarifa concede o dereito de poder utilizar as
instalacións da piscina durante o mes correspondente, tendo descontos do 50%
para as familias numerosas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario