Brión minimizará o "catastrazo" con bonificacións do 90%

Brión, 16/06/2016 - O pleno municipal de Brión aprobou por unanimidade unha proposta da Alcaldía que inclúe bonificacións do 90% do IBI para os veciños do rural brionés que estean afectados pola regularización catastral que se está a levar a cabo o Catastro neste mes de xuño.
“É a bonificación máxima que pode facer o Concello de Brión”, explica o alcalde José Luís García, quen tamén explicou que “Intervención estudará a posibilidade de facer aprazamentos nos pagos, sobre todo para aqueles veciños que teñen que facer fronte a cantidades importantes polos atrasos de catro anos”.

A maiores, o Concello de Brión estudará bonificacións de carácter social e a posibilidade de introducir modificacións do tipo de gravame para determinados usos catastrais. García explicou que nestes momentos se descoñece o número de veciños e veciñas afectados polo procedemento de regularización catastral, iniciado este mes de xuño e do que tan só se coñece que hai abertos 1.600 expedientes. 

Unanimidade

A unanimidade mantívose no resto de puntos da orde do día. Así, o pleno municipal acordou aplicar unha bonificación do 95% da licenza municipal para as obras de reforma e ampliación do comedor do CEIP de Pedrouzos, declarando as obras como de especial interese e utilidade municipal. Así mesmo, ratificouse o protocolo de intencións para a promoción do Camiño de Santiago pola Ría de Muros e Noia, asinado polo alcalde brionés o pasado 3 de xuño canda os alcaldes e alcaldesas de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Ames e Santiago de Compostela.

O pleno tamén aprobou dúas modificacións de crédito. A primeira, por un importe de 44.808 euros, destinarase a alumeado público e afrontar unha cota extraordinaria da Mancomunidade de Municipios Serra do Barbanza para aluguer de maquinaria. Eses cartos sairán, principalmente, do remanente da achega brionesa ao proxecto de Abastecemento Ames-Brión, unha cantidade sobrante logo do pago da parte correspondente a Brión. A segunda modificación, realizada vía moción de urxencia, ten un importe de 209.000 euros e correspóndese coa aprobación do PAI da Deputación Provincial da Coruña, tras a súa exposición pública.

Finalmente, o pleno aprobou unha redución do 0,94% na taxa de saneamento e depuración de augas residuais e deu conta do nomeamento de José Luís Penas Corral como representante do BNG na Asamblea da Mancomunidade Serra do Barbanza, en substitución de Xosé Pena, na actualidade edil non adscrito. Ademais, aprobouse a rectificación de erros nalgúns nomes de bens incluídos no Inventario Municipal. Tal e como explicou o secretario municipal, os erros se debían á utilización dunha denominación antiga do ben, cando xa mudou os seus usos. Como exemplos, citou que no inventario o centro social polivalente seguía referido como Casa Cuartel da Garda Civil ou que a Casa da Cultura seguía recollida como Casa do Concello.

Mocións

As dúas mocións presentadas polo concelleiro non adscrito, sobre oposición ao Tratado Transatlántico de Comercio e Inversiones (TTIP) e eliminación do glisofatos dos herbicidas que se utilizan, foron rexeitadas cos 11 votos en contra de PSOE e PP, e a pesar dos 2 votos a favor do BNG e do concelleiro non adscrito. O alcalde brionés explicou que no caso do TTIP, “ademais de non ser unha competencia municipal, non temos un coñecemento pleno deste tema pois vostede mesmo está dicindo que parece, dise, coméntase... non podemos tomar unha decisión sobre un texto que non é coñecido”. 

Sobre a utilización de glisofatos, García explicou que en Brión se utiliza un herbicida MT113 que contén un 32% de glisofatos, non en estado puro senón diluido. Un produto que se utiliza tan só para o mantemento das beirarrúas, pois evita o nacemento de herbas nas grietas do formigón. Ademais, confirmou que este produto non se utiliza para a limpeza de camiños, xardíns ou parques municipais, que son realizados polos operarios municipais.

Ningún comentario: