Compostela celebrará o Día Europeo da Música da man dos Premios Martín Códax

Santiago, 17/06/2016 - Este ano o Concello de Santiago reedita a súa alianza cos Premios Martín Códax para celebrar a gran cita musical europea cos mellores proxectos musicais do ano. O martes 21 de xuño, en Compostela imos encher as rúas de música. Música para cantar, para bailar, para escoitar e para dar que falar.
Este mediodía a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra, presentou a programación da xornada, acompañada de Guille Fernández en representación de MÚSICOS AO VIVO –promotores dos premios e do seu festival-, Pablo Buján, director comercial das Bodegas Martín Códax e Faia Díaz, integrante do grupo DE VACAS, mellor proxecto musical do ano na categoría de Coros e Grupos Vocais.

A concelleira de Acción Cultural insistiu na vontade do goberno municipal por celebrar este día con música nas rúas como se fai en moitas capitais europeas “para que todos os veciños e tamén os visitantes disfruten desta festa e teñamos a oportunidade de reflexionar sobre o lugar da música na nosa cidade que ogallá siga celebrando esta data durante moitos xuños mais”.

Pola súa parte, Guille Fernández, amosou a vontade de MÚSICOS AO VIVO por conseguir que “a xente se achegue á música desde diferentes puntos de vista, non so a través dos concertos senón tamén analizando as problemáticas ao seu redor”. Neste sentido, Novoneyra quixo chamar a atención sobre o borrador da nova lei de espectáculos -un dos temas presentes no coloquio previsto dentro das actividades- e insistiu en que “temos que desbotar esa idea negativa da música en directo, hai que logra que a música volva ás rúas e aos locais”.

Pablo Buján, asegurou que “as bodegas Martín Códax están moi a gusto apoiando este proxecto porque se sinten moi identificadas coa forma de traballar de MÚSICOS AO VIVO, cooperativa e dinámica, centrada no obxectivo de construír unha industria musical integradora onde músicos e músicas, programadores, salas, medios e patrocinadores públicos e privados remen na mesma direción”.

A programación da FESTA MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA AO VIVO principirá no mediodía do próximo martes 21 de xuño cunha sesión vermú ás 14:00 horas na Praza de Abastos a cargo do grupo DE VACAS, gañadoras na categoría de COROS E GRUPOS VOCAIS.

Pola tarde, a partir das 19:30 horas na praciña da Oliveira, organizaremos un coloquio moderado por Aitana Cuétara, da xunta directiva de MAV (Músicos ao Vivo), arredor dos temas que interesan e preocupan ao sector musical. Patricia Hermida de MMF Spain (Music Managers Forum Spain) e Xurxo Piñeiro de MAV falarán sobre a nova Lei de Espectáculos; Xacobe Martínez Antelo, de MAV Compostela, guiará o debate sobre a situación da música ao vivo en Compostela; e por último, as xornalistas Rocío Castro de SERMOS GALIZA, Pilar García Rego da TVG, Belén Regueira da RADIO GALEGA e Germám Hermida de CULTURAGALEGA.ORG revisarán o tratamento que recibe a música galega nos medios de comunicación. Será unha sesión aberta a todo o sector, na que contaremos coa participación dos Premios Organistrum: 'O Feito a Man' 'A Arca da Noe' e 'Ábretedeorellas', mellor festival, mellor sala, e mellor espazo de comunicación musical respectivamente, nesta edición do certame. Tamén nos acompañarán representantes de AIE, COMPOSTELA TERRITORIO MUSICAL, MAV Coruña, MAV Jazz, CLUBTURA (Asociación Galega de Salas de Música ao vivo) o Master en Industria Musical da Universidade de Santiago de Compostela, o grupo de cultura de COMPOSTELA ABERTA, ASEVEGA (Asociación de Empresarios da Verbena Galega), programadores, xornalistas cuturais e propietarios de salas.

E pola noite, ás 22:00 horas na Praza da Quintana, concerto de FOXY FREIRE e a continuación sesión de CROMA, gañadores nas categorías de rock e electrónica respectivamente. Así comeza o FESTIVAL MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA AO VIVO, que este ano transfórmase nunha cita en continuidade e itinerancia, que se vai estender ao longo de todo o ano e se vai espallar por tantas vilas como sexa posible. En verán estaremos pola provincia de Lugo e para o outono andaremos por Ourense. 

DE VACAS

De Vacas son un cuarteto musical composto por unha guitarra e tres voces: a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia ou o que é o mesmo, Inés Salvado, Faia Díaz e Paula romero, integrantes entre outras formación do coro Encaixe (gañador do concurso Oh Happy Day da TVG) e Guillerme Fernández (guitarrista de Berrogüetto ou aCadaCanto). Fan versión de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia Destrás de cada canción mala hai un corazón que queren reivindicar. Desde as Spice Girls ata o Gangam style, pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló… temazos que marcaron as as tardes de domingo na discoteca e que rescatan para nós nun formato fresco e divertido co que emocionarse e rir a partes iguais.



FOXY FREIRE

Foxy Freire nútrese do rock de fianis dos 60 e comezos dos 70. Están influenciados por bandas como MC5, The doors, Jimi Hendrix, Led Zeppelin, Black Sabbath, Blue Cheer, Leaf hound, Cream e Grand Funk Railroad, entre outras moitas. Levan xa case seis anos frefregándose polos escenarios das mellores salas galegas e do norte de Portugal, ofrecendo un espectáculo cheo de enerxía e rock and roll, e veñen de editar no pasado 2015 o seu primeiro LP Mongoose Tree. Integran o proxecto: Virxilio da Silva (guitarra e voz) Fernando Sánchez (guitarra), Paco Charlín (baixo), Max Gómez (batería).



CROMA

Croma é o proxecto de música electrónica de Alfredo García (Ordes, A Coruña, 1979). Croma editou a súa música cos selos Brain Washer Records (Francia), MMAN Records (Austria), Metalectro (UK), On your Mind Records (España), entre outros. O seu directo caracterízase por unha enerxética posta en escea e actitude no escenario para ofrecernos o electyro mais bailable e contundente. 



VÍDEO GALA III PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA: https://www.youtube.com/watch?v=RFRyuK5gMH0

Máis información dos PREMIADOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA 2016 en

Ningún comentario: