38 no “XI Encontro coa Arte. De l´Empordà a Galicia” en Brión

Brión, 17/06/2016 - Un total de 38 artistas, dez procedentes de Cataluña, 19 galegos e outros 9 doutros puntos de España, participarán no “XI Encontro coa Arte. De l´Empordà a Galicia”, que terá lugar en Brión do 17 ao 19 de xuño.
Un intercambio cultural e artístico entre Galicia e Cataluña froito dun convenio de colaboración asinado entre o Concello de Brión e a localidade xerundense de Castell-Platja d’Aro que permtiu que artistas cataláns e galegos intercambiaran experiencias nos últimos dous anos.


Esta edición especial dos Encontros coa Arte, a segunda que se celebra en colaboración con Cataluña, dará comezo mañá venres 17 de xuño, ás 13:00 horas, cunha recepción institucional no Balneario do Tremo polo alcalde de Brión, José Luís García, quen aproveitará para inaugurar unha exposición coas obras donadas polos artistas participantes na primeira edición destes encontros, celebrados en 2014. Tras o xantar, os artistas viaxarán cara a Costa da Morte, onde visitarán o Alto das Paxareiras, a Fervenza do Ézaro, o Monte Pindo e a vila de Muros.

Artistas participantes

Durante esta fin de semana chegarán a Brión dez artistas de L´Empordà: Antonio Marqués, Josep Miralles, Alba Roqueta, Joan Raset, Carles Bros, Alfredo Juárez, Pep Camps, Quim Ros, Emili Armengol e Lluís Roura. Pola parte galega, participarán: María Xesús Díaz, María Manuela, Veiras Manteiga, Chelo Rodriguez, Maica Alonso, Luís Romero, Carmen Hermo, Tino Canicoba, Antón Caxoto, Xosé Vázquez Castro, Xosé Vizoso, Beatriz Ansede, Isabel Pintado, Laureano Vidal, Ricardo Rilo, Manuel Ayaso, Antón Sobral, Carmen Pernas e Paco Casal.

Ademais, este ano participan como invitados no encontro outros artistas de diferentes procedencias: Enrique Ochotorena (País Vasco); Jaime Galdeano, José Mª Ysmer, Ricardo de Arce, Javier del Valle e Manuel Mendez (Madrid); José Galarzo (Valencia) e José A. Regidor e Frutos Casado de Lucas (Segovia).

Pintura en vivo e actividades

Na mañá do sábado 18 de xuño, os artistas trasladarán os seus lenzos ata o Paseo do Río Pego para participar na primeira xornada de pintura ao natural, que terá lugar entre as 10:00 e as 13:30 horas. Xa pola tarde, a expedición asistirá ás 20:00 horas ao concerto de “Lulavai”, que presentará o seu novo disco “Lémbra un soño” no centro social polivalente de Brión. Un concerto gratuíto e aberto a toda a veciñanza, organizado polo Concello de Brión en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña.

Ás 21:00 horas, a sala municipal de exposicións de Brión acollerá a inauguración da exposición do “Segundo Encontro coa Arte: De L´Empordà a Galicia”, un acto que estará presidido polo alcalde de Brión, José Luís García, e polo concelleiro de Cultura, Patrimonio y Nuevas Tecnologías de  Castell-Platja d’Aro, Lluís Pujol. Unha exposición que inclúe obras de Alba Roqueta, Alfredo Juárez, Antonio Marqués, Carles Bros, Emili Armengol, Joan Rasset, Josep Miralles, Lluís Roura, Pep Camps e Quim Ros (pola parte catalá) e de Antón Caxoto, Beatriz Ansede, Carmen Hermo, Chelo Rodriguez, Isabel Pintado, Laureano Vidal, Luís Romero, Maica Alonso, María Manuela, María Xesús Díaz, Rebeca Ponte, Ricardo Rilo, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, X. Vázquez Castro e Xosé Vizoso (pola parte galega).

Finalmente, o domingo 19, os obradoiros de pintura do natural trasládanse ata a Carballeira de Santa Minia. Un lugar no que os pintores pasarán a mañá creando as obras que logo doarán a pinacoteca municipal e que pasarán a formar parte do patrimonio artístico do Concello de Brión.

Ningún comentario: