Teo, 14/6/2016 - O Concello de Teo ultima as obras de renovación do revestimento da
piscina de Luou, previas á apertura das instalacións desde o vindeiro sábado,
18 de xuño. O alcalde de Teo, Rafa Sisto, afirma que “é unha iniciativa
acometida con fondos municipais, supón un paso máis na posta ao día deste
espazo e permite unha maior seguridade na súa utilización”.
A instalación
efectuouse cunha limpeza inicial da anterior superficie, á que seguiu o seu secado
e a extensión da nova lámina de recubrición, soldada ao chan mediante a
aplicación de calor. Por último, preparáronse os remates dos desaugadoiros e
procedeuse ao soldado e selado do material das beiras en todo o perímetro. Unha
vez transcorra o tempo estipulado para o secado, comezará o enchido da piscina.
Apertura en
Luou o sábado 18, e nos Tilos o 15
A piscina
municipal de Luou comezará así a súa tempada de verán o vindeiro sábado, 18 de
xuño. A dos Tilos adianta a súa apertura a este mércores, 15 de xuño. Os
usuarios e usuarias poden acceder a elas obtendo un carné. As persoas abonadas
á piscina climatizada da Ramallosa teñen acceso libre ás descubertas, se ben é
preciso que validen previamente o seu carné na recepción.
Como en anos
anteriores, o horario de apertura da piscina dos Tilos será de mañá e de tarde,
entre as 11:00 e as 14:00 horas e entre as 16:00 e as 21:00 horas. A piscina de
Luou abrirá con ese mesmo horario os sábados, os domingos e os festivos, e de
luns a venres ofrecerá apertura exclusiva de tarde, entre as 16:00 e as 21:00
horas. As instalacións contará co servizo habitual de ludoteca.
Reservas para
setembro na piscina climatizada
Por outra
parte, na piscina climatizada prosegue aberto o prazo para reservar praza nos
cursos de sala e de natación infantil e de adultos para o mes de setembro. Ata
o 30 de xuño poden rerservar os cursillistas e os abonados en activo. E a
partir do 1 de xullo poderá reservar a súa praza o público en xeral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario