Santiago, 13/6/2016 - Hoxe ás 20 horas o Ateneo de Santiago e a Asociación de Amigos da Ópera de Compostela organizan na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia titulada “Unha vida na ópera”, que estará impartida polo baixo barítono Ruggero Raimondi.
Ruggero Raimondi é unha lenda da ópera italiana e ocasional actor de cine e televisión. Comezou os seus estudos vocais con Ettore Campogalliani e, aos 16 anos, foi aceptado como estudante no conservatorio Giuseppe Verdi de Milán.
Continuou máis tarde os estudos en Roma, baixo a guía de Teresa Pediconi e Antonio Piervenanzi. Despois de gañar o Concurso Nacional para mozos cantantes de ópera en Spoleto, debutou nesa mesma cidade en La Bohème no Festival dei Due Mondi. Como consecuencia delo, chamárono para substituír Nicola Rossi-Lemeni en I vespri siciliani no Teatro dell’Opera en Roma, recibindo os aplausos do público e da crítica. A carreira de Raimondi pronto se estendeu aos principais teatros de ópera en Italia (La Fenice en Venecia, o Teatro Regio en Turín, Teatro Comunale en Florencia) e no estranxeiro, comezando polo Festival de Glyndebourne (Don Giovanni en 1969).
É o baixo que máis grabacións realizou e un dos cantantes que máis representacións ten no seu haber. Con máis de corenta e cinco anos de traxectoria, está considerado o mellor baixo barítono do último cuarto do século XX. Cantou en toda Europa, Israel, Estados Unidos e Xapón. En 1986, dirixiu escenicamente, por primeira vez, unha produción de Don Giovanni e decidiu combinar a súa carreira de cantante coa de director con óperas como El barbero rossiniano e Don Carlos de Verdi.
Ningún comentario:
Publicar un comentario