Teo, 15/6/2016 - A cantautora Sofía Espiñeira presentou onte na Casa Común dos Tilos
o seu disco ‘Aló onde agroman as herbas’, como gañadora da segunda edición do
Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’. Estivo acompañada polo
secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; a
concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil; e o director artístico do certame,
Xoán Curiel.
Espiñeira,
que ademais do premio do xurado obtivo o de mellor artista que concede o
público, agradeceu a posibilidade que lle deu o certame de editar e publicar o
disco. No seu día, o xurado fundamentou a súa decisión en que soubo “tocar un
instrumento, a guitarra, e ao mesmo tempo é quen de focalizar a atención na súa
voz”. A artista asegura que “cando lin esa valoración, vin que aprezaron o
conxunto do cantautor, deime conta do valor que chega a ter ir aprendendo as
dúas cousas á vez, a música e a voz, que para min están integradas desde
sempre”.
O secretario
xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou a importancia do
certame, que “conxuga á perfección creatividade, lingua e mocidade, tres
aspectos fundamentais para a dinamización da lingua galega, ademais de apostar
pola música feita no noso idioma propio e polos artistas noveis que o promoven
como ferramenta de creación artística”.
A concelleira
de Cultura de Teo, Pilar Faxil, coincide nesta apreciación e na necesidade de
que as políticas culturais lle outorguen o máximo protagonismo posible á
mocidade. “Desde o Concello estamos moi satisfeitos por poder ofrecerlles aos
cantautores e ás cantautoras novos a oportunidade de darse a coñecer e iniciar
unha carreira artística, contribuíndo ademais a normalizar o uso do idioma
nunha canle de expresión tan importante como é a música”.
Actuación este venres
Sofía
Espiñeira ofrecerá este venres, 17 de xuño, unha presentación do seu disco ante
o público no Centro Sociocultural da Ramallosa. Será a partir das 22:00 horas.
O concerto, de aproximadamente unha hora de duración, terá unha escenografía
intimista co propósito de que os espectadores poidan percibir o mellor posible
a forza das letras e a intensidade da música da cantautora, nada en Mugardos e
residente na comarca compostelá.
O certame
O Certame de
Canción de Autor en Galego está convocado polo Concello de Teo, pertencente á
Rede de Dinamización Lingüística, e conta coa colaboración da Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de
Política Lingüística. A empresa Gadisa exerce como patrocinadora. O seu
principal obxectivo é contribuír á normalización da lingua galega nun eido
importante para a difusión do idioma. Tamén busca presentar unha mostra das
creacións galegas de autoría propia e ofrecerlles unha oportunidade aos
participantes.
No certame
poden concorrer todas as persoas autoras e intérpretes noveis de cancións
maiores de 15 anos, con temas musicais inéditos e orixinais en lingua galega
compostos en calquera estilo musical que, entroutros requisitos, cumprisen o de
non ter ningún disco editado profesionalmente nin contrato ningún asinado cun
selo discográfico a nivel individual.
O premio á
mellor canción de autor en galego, decidido por un xurado cualificado, consiste
na gravación do proxecto discográfico, o pagamento da cota anual da Asociación
Galega de Músicos ao Vivo (entidade colaboradora), e na organización e
promoción dunha xira de presentación do proxecto en diferentes localidades de
Galicia, que incluirá cinco concertos. O accésit á canción máis orixinal,
decidido polo público asistente á segunda fase de selección no Auditorio da
Ramallosa, foille concedido a Pilar Martínez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario