Santiago, 12/6/2016 - O ciclo ‘Pequena historia do cuarteo de corda’ da
USC que comezou en maio continuará este luns 13 coa actuación, ás 20.30 horas
no Paraninfo da Universidade, da formación composta polos violinistas Jorge
Montes Martínez e Roberto Santamarina Fernández, a viola María José Pámpano
López e o violonchelista Carlos García Amigo, que interpretarán As sete últimas
palabras de Cristo na Cruz Op. 51 de Joseph Haydn. Intervirá como narrador
o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro.Jorge Montes Martínez
Nado na
Coruña en 1982, estuda violín e música de cámara con Keiko Wataya e
Charles-André Linale na Hogeschool voor de Kunsten Utrecht, Holanda. Bolseiro
da Accademia Musicale Chigiana, amplía a súa formación con G. Carmignola en
Siena, Italia. Ofreceu numerosos concertos en España, Holanda, Portugal,
Francia, Alemaña, Bélxica, Ucraína, Polonia, Italia, Xapón, Arxentina, Chile,
Uruguai e Brasil, no marco dos máis importantes festivais como o Via Stellae,
Sen Batuta ou Music Masters Kazusa, destacando a súa actividade como solista
coa “Orquestra Xove da OSG”, baixo a batuta de Rubén Gimeno, coa Orquestra
Filharmónica de Odessa, Ucraína.
É membro fundador
do ensemble s21, especializado en música contemporánea, de música práctica, e
do grupo de música antiga Ars Combinatoria. Colabora dende o ano 2000 coa
Orquestra Sinfónica de Galicia e coa Orquestra Sinfónica de Castela e León,
entre outras. Na actualidade é profesor de violín do Conservatorio Xan Viaño de
Ferrol así como director da Orquestra de Nenos da OSG desde a súa creación en
2010.
Roberto Santamarina
Fernández
Realiza os
seus estudos de violín no Conservatorio de Santiago. Foi membro da Xoven Orquestra
de Galicia, sendo bolseiro polo IGAEM para realizar estudos de posgrao en
Oviedo con Yuri Nashuskin ao tempo que estuda interpretación histórica na Universidade
de Salamanca. Foi profesor de Violín e Viola na Xoven Orquestra de Galicia e
membro da Orquestra da Comunidade Autónoma de Galicia e Orquestra Barroca de
Salamanca. A nivel camerístico recibiu clases entre outros do Trío Fontenay,
Cuarteto Moravo e Cuarteto Sedlâcek. Desde 1997 desenvolve unha intensa labor
pedagóxica como profesor de violín, viola e director de orquestra dos Conservatorios
de Vigo, Pontevedra, Lugo e Santiago de Compostela, sendo actualmente profesor
de violín numerario deste centro.
É
integrante de varios grupos especializados en música antiga e interpretación
histórica con instrumentos orixinais, como Martín Codax, Grupo 1500 e Rúa
Barroca, participando na gravación e edición de repertorio inédito da península
Ibérica. Dende 2012 é membro fundador e Director da Orquestra de Cámara “Música
Acordada”
Carlos García Amigo
Nacido na
Coruña en 1973, aos 11 anos iníciase na práctica do cello. Entre os seus mestres
destacan Lito Iglesias, Dalibor Sebestik ,Gregor Hosch, Monique Bartels e Antoine
Ladrette. Nos seus anos de formación foi bolseiro de diversas institucións como
a Fundación Barrié de la Maza e formou parte da Xoven Orquestra de Galicia, da
Joven da
OSG, da Schleswig-Holstein Musik Akademie Orchester así como do Grupo In
Itinere da USC.
En 2001
ingresa na Real Filharmonía de Galicia coa que actuou en diversas cidades do
Estado así como de xira en Francia, Portugal, Arxentina, Brasil, Cuba.. Impulsor
da Asociación de Violonchelistas de Galicia ’Soncello’ da que é socio
cofundador, tamén foi responsable do cuarteto de violonchelos de Compostela ‘Chelicia’
e membro do Trío Artabria e o ensemble 21, este último consagrado á música
contemporánea. É un activo instrumentista no campo da interpretación con
instrumentos de época, o que o levou a colaborar con diferentes grupos de
España e Portugal entre os que destacan ‘Ars Combinatoria’, ‘Alio Modo’, ‘Il
Combattimento’ e ‘Americantiga’..
María José Pámpano López
Realiza os seus
estudos de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo e completa a súa
formación na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia co profesor Nikolay Velikov.
Interesada na interpretación histórica da música, comeza os seus estudos de
violín barroco xunto á prestixiosa violinista Amandine Beyer na Escola Superior
de Música, Artes e Espectáculo do Porto onde posteriormente remata o seu Mestrado
en Interpretación Histórica coa presentación da súa tese ‘A técnica chin-off
na
interpretación do violín nos s. XVII e XVIII’.
Realiza
diversos cursos de especialización e participa nas master-class de violinistas como
Mira Glodeannu, Enrico Gatti, Pedro Gandía, Ángel Sampedro, Lucy van Dael,
Peter Spissky ou Manfredo Kramer e forma parte e colabora con diversas
agrupacións especializadas no repertorio barroco como a Orquestra Barroca da
Universidade de Salamanca, Orquestra Barroca do Real Conservatorio de Bruxelas,
Orquestra Barroca do Conservatório de Amsterdam ou Orquestra Barroca do
Conservatorio de Malmo.
Ben como
violinista ou como violista ten participado coa Orquestra Barroca de Venecia,
Orquestra Barroca da Casa da Música do Porto, Orquestra Barroca Norte do Sul, o
grupo Ars Combinatoria ou co emsemble Gli Incogniti. A súa inquietude musical
abrangue desde a investigación sobre o repertorio medieval –participando como fidulista
cos grupos Amar contra o silencio, Capela Compostelán ou o grupo 1500– ata o
repertorio máis contemporáneo e experimental xunto a Orquestra de Música Espontánea
de Galicia ou co cuarteto de cordas de libre improvisación Suelen Estar Quartet.
Ningún comentario:
Publicar un comentario