Ames, 14/6/2016 - O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes,
abre o prazo de inscrición dos cursos de natación do vindeiro mes de xullo, que
se desenvolverán nas piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do
Milladoiro.
Os
rapaces e rapazas amesás poderán gozar da auga ademais de aprender a nadar, ou
perfeccionar o seu estilo, durante as vacacións de verán. Ofértanse 126 prazas
por mes, que se repartirán en diferentes horarios ao longo da mañá. Para os
maiores de 12 anos resérvanse 30 prazas e o seu curso impartirase de 10:30 h a
11:15 horas. Os rapaces de 10 a 11 anos tócalles a segunda quenda, de 11:15 h a
12:00 horas. Para esta franxa de idade tamén hai 30 prazas.
De
12:00 h a 12:45 horas desenvolverase a terceira quenda na que se ofertan 30
prazas para os rapaces de 8 a 9 anos; e de 12:45 h a 13:30 horas haberá 24
prazas dirixidas a nenos e nenas de 6 a 7 anos. A última quenda resérvase para
os máis pequenos, 12 prazas para nenos e nenas que teñan entre 3 e 5 anos, que
se levará a cabo de 13:30 h a 14:15 horas.
En
canto ás inscricións, poderán realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro e na
Oficina de Deportes de Bertamiráns (Casa do Concello) dende as 9:00 h ata as
14:00 horas. O prazo para apuntarse ao curso de xullo está aberto ata o 23 de
xuño. Para apuntarse no curso de agosto o prazo será do 11 ao 22 de xullo.
Trámites de inscrición
O
prezo desta actividade é de 20 euros, ou 10 euros a partir do segundo membro da
unidade familiar e 5 euros a partir do terceiro ou restantes. Existen
bonificacións para os membros das unidades familiares menores de 18 anos. A
documentación necesaria que hai que achegar é o impreso de solicitude cuberto,
a folla de autoliquidación selada pola entidade bancaria onde se realiza o
pagamento e a fotocopia da tarxeta sanitaria.
A
folla de autoliquidación poderá solicitarse presencialmente na Casa da Cultura
do Milladoiro, na oficina de Deportes de Bertamiráns, nas oficinas de
recadación ou no enderezo de correo electrónico ames@canaltributos.com. Só poderán
participar as persoas empadroadas no Concello de Ames. Para máis información
poden enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou
chamar aos números de teléfono 981535940 ou 619842504.
Ningún comentario:
Publicar un comentario