Lalín aforrarará un 50 por cento coa substitución de luminarias na rúa B

Lalín, 12/6/2016 - O Concello de Lalín acometerá a substitución de 24 puntos de luz na rúa B. Con esta modificación, o Goberno acadará un aforro superior ao 50 por cento nos custes de mantemento e enerxía e unha redución da potencia eléctrica superior ao 20 por cento.
Con todo, o novo sistema de luminarias permitirá que esa rúa estea mellor iluminada que na actualidade, “tanto en cantidade como en calidade”, xa que ao mesmo tempo, estes novos puntos de luz tamén son máis respectuosos co medio ambiente. Neste sentido, a substitución das actuais luminarias polas novas implicará unha rebaixa anual nas emisións de CO2 en torno a 0,60 toneladas métricas per cápita.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o  concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, visitaron esta semana o lugar onde se van acometer estas melloras. Durante esta visita Vilariño explicou que -tras solicitar cinco orzamentos- o Goberno realizará unha achega 12.600 euros para este proxecto, aínda que cos aforros previstos a iniciativa terá un retorno do investimento inferior aos cinco anos. As actuacións iniciaranse nun prazo de catro semanas, que é o tempo previsto para a chegada dos materiais necesarios.

Por outra banda, o edil de Obras lembra que con esta iniciativa o Concello vai dar resposta a unha demanda da veciñanza da rúa B, “que é unhas das de maior densidade de poboación de Lalín leva tempo reclamando melloras na iluminación”. Neste sentido, apunta que se vai levar a cabo “un cambio substancial para paliar as insuficiencias que deixou o anterior Goberno, nun claro exemplo do que non se debe facer en materia de deseño urbanístico”.

Entre as características das novas luminarias Elium, que son as que se van instalar, destaca que permiten a súa flexibilidade e adaptación a calquera tipo de distribución lumínica. Isto permitirá a adecuación do fluxo luminoso en cada momento da noite, reducindo a súa intensidade nas horas de menor tránsito pero sen afectar de ningunha maneira á seguridade dos usuarios e, ao mesmo tempo, cumprindo cos requirimentos lumínicos esixidos pola regulamentación. Deste modo, obtense un aforro enerxético en torno ao 40 por cento nas horas con nula actividade nas rúas, pero mantendo a uniformidade da iluminación en toda a zona.


As luminarias Elium tamén contan cun deseño aerodinámico, o que lle aporta unha mínima superficie de resistencia ao aire. Ademais ten un ha excelente disipación térmica mediante disipación pasiva sen aletas, de maneira que non precise un mantemento continuo na limpeza  dos disipadores de aletas. Todo isto, sumado a unha vida útil da tecnoloxía LED de 100 mil horas, permitirá reducir os custes de mantemento con respecto á actual tecnoloxía.   

Ningún comentario: