Ames, 15/6/2016 - Dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro, as piscinas
descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia
ofreceranlle á veciñanza amesá unha alternativa á costa galega.Este mércores comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abrirán ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 10:30 a 20:30 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Antes da apertura o goberno municipal investiu preto de 30.000 euros para acondicionar e mellorar estas instalacións.
As
piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de
Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de
verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. Aínda
que esta semana a predición meteorolóxica indica que vai a chover, de cara a
vindeira semana parece que vai a mellorar o tempo para inaugurar a temporada
estival en Ames. Estas instalacións preséntanse como grandes alternativas aos
areais da costa galega.
Para
que estas instalacións estean en perfectas condicións de cara ao inicio da
temporada estival, o Concello de Ames estivo acondicionando as piscinas
municipais descubertas e a área recreativa de Tapia durante as últimas semanas.
Deste xeito, no Milladoiro, onde existen dúas piscinas (unha para as persoas
adultas cunha profundidade de 2,10 metros e outra para os cativos que conta
cunha profundidade de medio metro), limpáronse e pintáronse as casetas do
servizo de socorristas e dos aseos/vestiarios; realizouse o mantemento habitual
das duchas dos vestiarios; cambiouse o peche perimetral desta instalación;
sementouse novo céspede e mellorouse o sistema de rego. Nestes traballos
investíronse arredor de 6.000 euros.
Ademais,
está previsto que a Deputación da Coruña aprobe a finais deste mes de xuño as
obras de mellora que se van a executar na piscina municipal do Milladoiro con
cargo ao Plan de Acción Social (PAS). A través deste plan provincial vaise a
mellorar o pavimento que hai arredor do vaso da piscina e acometeranse obras
para mellorar a accesibilidade nesta instalación. Segundo indican dende o
goberno municipal estas obras levaranse a cabo de cara ao vindeiro ano.
En
Bertamiráns existe unha única piscina que dispón dunhas dimensións de 27 metros
de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. Neste caso
realizáronse traballos de pintado nunha parede da cantina e na entrada da instalación;
sementouse novo céspede; ampliouse en 120 metros cadrados a zona de céspede
(con herba artificial) que existe arredor do vaso da piscina. Estas actuacións
tiveron un custo aproximado de 3.000 euros.
Actuacións realizadas na praia fluvial de Tapia
En
primeiro lugar, realizouse a preparación do céspede da praia fluvial de Tapia
para que estea en condicións óptimas de cara ao inicio da tempada estival. Os
traballos que se realizaron consistiron na sementado de novo céspede, previa
preparación e aboado do terreo. Ademais, reparouse o sistema de rego para
garantir a correcta implantación do céspede que se sementou, e o mantemento
deste en condicións óptimas durante toda a tempada de utilización da mencionada
área de lecer. Tamén se executou un pozo de barrena para garantir o
abastecemento de auga neste lugar.
Outras
das actuacións realizadas foi para acondicionar a área de aparcamento e mailas
sendas peonís. Na zona de estacionamento estendeuse unha capa de zahorra. Tamén
se aplicou formigón nas fochancas existentes neste lugar e realizouse unha
limpeza exhaustiva do contorno da nave do club de piragüismo "Ribeiras do
Tambre", dos aseos públicos e do muíño, xa que despois das inundacións que
se produciron nos últimos meses tiñan moita terra acumulada. Ademais, cómpre
salientar que durante os meses de verán habilitase unha finca anexa a estas
instalacións para dispor de espazo suficiente de aparcamento. Todos estes
traballos tiveron un custo de 21.000 euros.
Servizo de vixilancia e socorrismo
O
servizo de vixilancia e socorrismo comezará a prestarse o día 15 de xuño e
estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O
horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas.
Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas, mentres que nas
piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous
socorristas en cada unha das piscinas.
Para
completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso
selectivo para contratar a seis vixiantes que atenderán as instalacións das
piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival.
Estas persoas serán as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar
a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos. Cada
piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas,
polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario