Santiago, 14/6/2016 - A Universidade de Santiago está a ser esta semana a sede
dun encontro internacional no que destacadas figuras do eido dos negocios, a ciencia
e a academia se reúnen para promover o uso das matemáticas innovadoras na
industria.
No marco do
encontro, este martes 14 terá lugar un evento especial destinado ao público en xeral
denominado ‘O Camiño Matemático cara aos Oscars’, que pretende mostrar de modo
asequible para a cidadanía algúns dos secretos na simulación de efectos visuais
nas artes cinematográficas.
A sesión, a
desenvolver con tradución simultánea ás 20.00 horas no Auditorio Abanca,
comezará cunha conferencia de Joseph M. Teran,
profesor da Universidade de California e unha das principais autoridades mundiais
no campo da creación de efectos visuais no cine. Teran é colaborador de Walt
Disney Animation Studios e foi o responsable dos efectos de neve da película ‘Frozen’,
gañadora de dous premios Óscar e un Globo de Oro. Precisamente o seu relatorio
leva por título ‘Simulación numérica da neve en películas e na aula’.
Logo da
intervención de Teran terá lugar unha mesa redonda que moderará o profesor da
USC Jorge Mira e á que se incorporarán Xenxo Álvarez, de The Gearing
e Ottiplanet, que falará das tendencias no
desenvolvemento de personaxes para películas de animación e videoxogos, e Ignacio Vargas, un dos creadores da empresa Next Limit Technologies, mundialmente
recoñecida pola creación de efectos especiais relacionados coa auga. O traballo
desta empresa española ten presenza en superproducións como ‘O señor dos aneis:
o retorno do rei’ ou ‘Matrix reloaded’.
Completo programa
O ECMI2016
inaugurouse este luns na Aula Magna da Facultade de Bioloxía nunha cerimonia
que presidiu o reitor da USC, Juan Viaño, e na que participaron tamén o
conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o
presidente do Consorcio Europeo de Matemática Industrial, Dietmar Hoëmberg; o
presidente do comité científico do encontro, Alfredo Bermúdez de Castro; e a
presidenta do comité organizador, Peregrina Quintela.
Ademais dos
dous relatorios diarios a cargo de especialistas de renome internacional, entre
eles o profesor da USC Wenceslao González, o congreso contempla numerosas sesións
de comunicacións e minisimposios nos que se darán a coñecer distintas experiencias
de matemáticas aplicadas á industria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario