Oroso, 16/06/2016 - O Concello de Oroso vén de abrir o prazo de inscrición para o Summer Camp 2016, que desenvolverá en colaboración con Escuela con Talento. Trátase dun programa de conciliación familiar no que nenos e nenas de 3 a 12 anos poderán ocupar o seu tempo de lecer estival ao tempo que aprenden inglés. Así, durante o campamento terán lugar actividades lúdicas, xogos, manualidades, saídas urbanas e técnicas de comunicación, sempre na lingua de Shakespeare.
O Summer Camp establece un total de catro quendas, permitindo que o neno/a participe en todas, en varias delas ou en ningunha, pois tamén está contemplado a posibilidade de utilizar o servizo en días soltos. Inicialmente, o Concello de Oroso propón dous horarios para cubrir as necesidades de conciliación familiar e laboral: de 07.30 a 15.30 horas ou ben de 09.00 a 14.00 horas, aínda que existe a posibilidade de establecer outros horarios se así o deciden as familias participantes.
No tocante aos prezos das quendas, mantéñense con respecto ao ano pasado e varían en función dos días incluídos. Así, na quenda do 23 ao 30 de xuño os prezos son de 35 euros (entre as 07.30 e as 15.30 horas) e 25 euros (de 09.00 a 14.00 horas). No caso dos meses de xullo e agosto, cada quincena teñen un prezo de 65 (de 07.30 a 15.30 horas) e de 45 euros (de 09.00 a 14.00 horas). No caso da quenda de setembro, entre os días 1 e 9, os prezos serán de 50 euros (entre as 07.30 e as 15.30 horas) e 35 euros (de 09.00 a 14.00 horas). Existe tamén a posibilidade de solicitar días soltos, cun abono de 8 ou 6 euros por cada xornada. A maiores, tamén se ofertan os servizos complementarios coma os de almorzo (2 €/día), xantar (5 €/día) e merenda (3 €/día).
O Concello de Oroso establece descontos dun 20% no prezo do Summer Camp para familias numerosas e para o segundo irmán. Para participar neste programa cómpre formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural Casas e Novoa (Sigüeiro) ou ben chamando ao teléfono 981 690 903. Tamén se poden facer as reservas de praza na Escuela Con Talento, presencialmente ou a través dos teléfonos 881 981 905 / 669 959 427.
Ningún comentario:
Publicar un comentario