Ames, 17/06/2016 - Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a
véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase
saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar.
Por
iso o Concello de Ames publica, como vén facendo nos últimos anos, unha serie
de normas que deberán cumprir todas as persoas ou agrupacións que fagan unha
fogueira durante o mes de xuño. Antes deberán solicitar autorización ao
Concello para poder facer a súa cacharela. O prazo está aberto ata ás 13:00
horas do vindeiro martes 21 de xuño. As solicitudes deberán presentarse no
rexistro xeral do Concello.
Se
estás pensando en facer a túa propia cacharela as indicacións e normas do
Concello son as seguintes. Primeiramente, todas as persoas, organizacións ou
comunidades que desexen realizar unha fogueira na noite de San Xoán deberán
presentar a solicitude correspondente no rexistro xeral do Concello de Ames
antes das 13:00 horas do vindeiro martes 21 de xuño. Nesta solicitude deberan
sinalar o lugar elixido, así como o nome, enderezo e teléfono dos responsables
da organización ou comunidade, encargados de coidar os arredores da cacharela.
A
solicitude deberá ir acompañada dun plano de situación do espazo público (nas
zonas privadas non é preciso entregar plano) no que se vai a situar a
cacharela, así como da situación de todos os elementos, que ademais da
cacharela, se coloquen no espazo autorizado. O obxectivo é que a xente poida
pasalo ben ao redor do lume e evitar calquera tipo de incidente.
Unha
vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as
normas que publica o Concello. Unha delas refírese á cantidade de combustible
que se poderá utilizar. A dimensión da fogueira está limitada e o volume de
combustible non pode pasar dos oito metros de perímetro nin dos tres de altura.
Por outra banda, o Concello prohibe queimar pneumáticos, plásticos, escumas de
poliuretano, aceite e, en xeral, calquera substancia que ao arder desprenda
fume tóxico. En ningún caso se poderán botar ao lume recipientes que conteñan
líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.
Separación entre as cacharelas e os edificios
Por
motivos de seguridade as fogueiras non se poderán realizar en calquera lugar. A
separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será, como mínimo, de
vinte metros. Ademais, deberanse afastar dos cables das liñas eléctricas, do
teléfono, da rede de iluminación pública ou de locais nos que se almacenen
produtos inflamables. No caso de poñer a cacharela sobre terreos de uso público
que teñan lousas no chan, os organizadores deberán protexelo cunha capa de area
de 10 centímetros. Os coidados non rematan cando se apaga a fogueira. As cinzas
deben quedar totalmente apagadas e o lugar debe quedar como estaba antes de que
comezara a festa ao redor do lume. Na noite de San Xoán a Policía local e
outros corpos de seguridade vixiarán o cumprimento das normas.
Ademais
destas indicacións de obrigado cumprimento, as persoas que fagan unha fogueira
ou que se reúnan ao redor do lume deberán ter especial coidado de si mesmos e
ao rematar a cacharela e antes de abandonar o lugar desta, os responsables da
organización deberán coidar de que todo quede no mesmo estado que se atopaba
antes de iniciarse o lume. Saltar a cacharela pode ser divertido pero tamén
perigoso polo que hai que evitar actitudes destemidas. Recoméndase tamén non
permanecer moito tempo preto do lume, xa que pode provocar queimaduras que non
se farán visibles no mesmo momento, pero si horas ou días despois. Ter unha
mangueira á man pode ser de moita axuda no caso de que o lume se descontrole
por causa do vento ou doutros motivos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario