Ames, 15/6/2016 - O alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria dos CEIP Agro do
Muíño e CEIP de Barouta participou esta mañá nun encontro intercentros no Pazo
da Peregrina. Ambos centros presentaron o proxecto “Riamonte, un lugar para
coñecer”, que elaboraron en colaboración coa Aula da Natureza. Neste acto
estiveron presentes o concelleiro de Educación, David Santomil, a concelleira
de Economía e Facenda, Genma Otero, representantes do equipo Voz Natura e Don
Maximino Viaño, cronista oficial do Concello de Ames, que ofreceu unha breve
charla.
Case
200 persoas chegaron ao Pazo da Peregrina, entre alumnos e alumnas, mestres e
mestras e os directores do CEIP Agro do Muíño e do de Barouta. A técnico
municipal de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, foi a encargada de dar a
benvida a todas as persoas coas que levaba un ano colaborando. A continuación
deulles voz a Nazareth Díaz, coordinadora de Voz Natura e a Alejandro Díaz,
portavoz do Comité Científico.
O
programa Voz Natura é un proxecto da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre
que financia proxectos relacionados como os dos rapaces e rapazas de Ames. De
feito o portavoz do Comité Científico desvelou ao público que “Riamonte, un
lugar para coñecer” fora “finalista na fase provincial de actividades escolares
cos que colabora Voz Natura, e estou seguro de que se continuades traballando
en algo así algún día o voso será o proxecto gañador”.
Tralas
introducións interviron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e
maila concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, agradecendo a ambos
grupos as tarefas de limpeza levadas a cabo no entorno do rego de Riamonte e a
súa contribución ao coidado do medio. O convidado ao encontro, Maximino Viaño,
adicoulles aos rapaces e rapazas historias da súa infancia en Ames, dos
xoguetes que se construían na súa época. Ademais relatoulles curiosidades sobre
a historia do monte de San Marcos, por onde pasa a ruta de Riamonte, e das súas
costumes.
O
público coñece ben a contorna do rego, así como parte da súa historia: o castro
que se atopa no monte de San Marcos, o emprego dos muíños, etc. “Todo o
alumnado visitou a ruta de Riamonte”, explica Patricia Reboreda, técnico
municipal de Medio Ambiente, “tanto o de Barouta como o do Agro do Muíño”. “Os
rapaces e rapazas de 1º, 2º e 3º de primaria foron coñecer a fauna e a flora da
zona, e os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria traballaron ademais na
limpeza de hedras nos muíños e nos troncos das sobreiras centenarias”.
Os
Retranqueiros puxeron música ao encontro, que rematou coa entrega dun agasallo
ao público: unha lámina con fotografías de rapazas e rapaces de ambos colexios
que se tomaron durante as actividades. O concelleiro de Educación e Cultura e a
concelleira de Economía e Facenda foron os encargados de entregarllos ao
alumnado. Por último, na planta baixa do Pazo da Peregrina ofreceuse unha
merenda para o grupo de escolares, que estivo comendo e charlando ata que se
deu por finalizado este encontro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario