Tordoia, 16/6/2016 - O secretario xeral do PSOE de Tordoia, Carlos García, vén de presentar unha denuncia diante da Garda Civil de Ordes pola utilización durante esta fin de semana de operarios do Concello de Tordoia para fins privados e electorais do alcalde, Antonio Pereiro.
“Todo sucedeu o pasado xoves, cando uns veciños de Pontepedra nos avisaron de que operarios do Concello estaban montando unha carpa, limpando a maleza e descargando sillas nunha finca privada coñecida como O Muiño”, explica Carlos García, “dende o PSOE fixemos un seguemento e estes traballos se prolongaron durante o venres, xa que o sábado houbo unha churrascada para un grupo de amigos presuntamente organizada polo alcalde, presente na mesma canda os concelleiros do Partido Popular”.
Os socialistas indican na súa denuncia que “esa finca non é propiedade nin aparece no inventariado de propiedades do Concello de Tordoia, aínda que o muiño que se atopa no seu interior é propiedade do alcalde, tal e como manifestou nun pleno”. Carlos García asegura que “non estamos contra a celebración de actos electorais, pois os socialistas tamén os faremos, pero existen uns lugares asignados pola Xunta Electoral para tal fin e, sobre todo, o Concello non ten por que financiar os actos dun partido político. As patrullas de obras e as carpas do Concello están para outras cousas, non para prepararlle as churrascadas ao Partido Popular de Tordoia”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario