Silleda – xornadas micolóxicas

A Casa da Xuventude de Silleda acolle unhas xornadas micolóxicas con exposicións e actividades dos alumnos do curso de monitor de Educación Ambiental

-A cita será dende o xoves día 10 ao sábado 12

Silleda, 7 de novembro de 2011. A Casa da Xuventude de Silleda acollerá esta semana unhas xornadas micolóxicas con exposición de especies e outras actividades elaboradas polos alumnos e alumnas que participan no curso de Accións Formativas para Desempregados (AFD) de monitor de Educación Ambiental.

Estas xornadas comezarán o vindeiro xoves día 10 e continuarán ata o sábado día 12 nas depedencias da Casa da Xuventude, onde o público poderá ver a exposición de cogumelos que os alumnos do ciclo recollerán na carballeira das Pedrosas, e asistir tamén a outras actividades relacionadas co mundo da micoloxía, cada vez con máis auxe na nosa sociedade.

Na primeira xornada do xoves a visita con recolección guiada das especies será a primeira hora da tarde (de 16.00 a 17.30 horas) e a exposición poderá verse despois, de 18.00 a 19.30 horas na Casa da Xuventude.

O venres a recolección será pola mañá (de 10.00 a 11.30 horas) e a mostra poderá visitarse de 12.30 a 14.00 horas. Mentres, o sábado 12 abrirase de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas. Ademais do público en xeral, está previsto realizar actividades específicas para colectivos como os escolares ou a terceira idade.

Esta iniciativa vén a complementar tamén a formación teórica do ciclo formativo de monitor de Educación Ambiental, no que participan dende o 1 de setembro un total de 15 persoas en situación de desemprego, e que terá continuidade ata o vindeiro día 16.

Ningún comentario: