Os representantes da Administración en Silleda para a xornada electoral do 20-N son desempregados apuntados na bolsa municipal
-Son 13 veciños con estudos universitarios aos que se pretende dar unha pequena axuda con esta iniciativa
Silleda, 7 de novembro de 2011. As persoas que traballarán na xornada electoral do vindeiro día 20 de novembro como representantes da Administración no municipio de Silleda serán mozos e mozas desempregados. O goberno municipal, a través da concellería de Emprego, que dirixe Margarita Campos, contactou nos últimos días con usuarios anotados no programa Silleda Emprega, collendo preferentemente aos que contan con estudos universitarios para realizar esta tarefa.
En total son 13 persoas, con licenciaturas e diplomaturas, as que desenvolverán as funcións de representante da Administración na xornada electoral, transmitindo os resultados electorais, un traballo que ata o de agora viñan desenvolvendo nas distintas convocatorias electorais funcionarios e laborais do Concello de Silleda.
Aínda así, hai varios cargos como o de representante-transmisor de PDA ou o de representante principal da Administración, que serán desempeñados, obligatoriamente por persoal funcionario/laboral.
“Con esta iniciativa pretendemos dar unha pequena axuda aos desempregados e desempregadas de Silleda que están anotados na bolsa municipal de emprego”, explica Margarita Campos lembrando que percibirán unha retribución económica pola tarefa de transmisión dos resultados na xornada de Eleccións Xenerais.
Todos os seleccionados recibirán as debidas instruccións previas para desenvolver o traballo nas mesas electorais do municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario