O Ciclo de música Ghazal tráenos ao quinteto Fayçal Salhi en concerto
Santiago de Compostela, Luns 7 de Novembro de 2011. A Fundación Araguaney-Puente de Culturas coa colaboración de AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) queren presentar o segundo dos concertos incluídos no Ciclo de Música Ghazal.
O cantante franco-argeliano Fayçal Salhi, xunto coa súa agrupación de músicos, será o encargado de impartir o segundo destes concertos. Nesta ocasión, o lugar de celebración será a Sala Capitol, perfecta para acoller un concerto íntimo, próximo ao artista e nun ambiente acolledor. O público poderá gozar dos ritmos do laúde e demais instrumentos deste artista franco-argeliano, que non lles deixará indiferentes. Será o xoves 17 de Novembro, ás 22,00 h, na Sala Capitol.
O concerto será GRATUÍTO, previa recollida de ENTRADAS na Recepción do Hotel Araguaney (Alfredo Brañas, 5) e na Galeria Caroní (Rúa do Vilar, 21), a partir do martes 8 de Novembro.
SOBRE FAYÇAL SALHI QUINTET
Nacido en 1979 en Khenchela, unha cidade montañosa ao leste de Alxeria, a centenares de quilómetros da fronteira con Tunisia, creceu nunha atmosfera musical grazas aos seus tíos, artistas que se dedicaban a animar as festas e celebracións locais. Unha infancia que o adolescente gardou no seu corazón durante o seu exilio en Francia a partir dos 12 anos. Instalado en Besançon, afíxose a esta cidade apracible e de feito defínese con Franco-Argeliano. O artista está orgulloso das súas orixes magrebís pero revindica tamén a súa parte francesa. Afirma que leva 20 anos en Francia e que considera que tivo sorte xa que é un territorio que se atopa nunha encrucillada cultural.
Foi descuberto nunha actuación en Ópera Nacional de Lyon en 2006 cando actuou aí co seu quinteto. No ano 2007 compuxo a banda sonora orixinal da longametraxe “La Casa Amarilla”, premiado en numerosos festivais e que recibiu a Palma de Ouro na Mostra, o Festival de Cine Mediterraneo de Valencia. Tamén recibiu o galardón a Mellor Música no mesmo festival. tocou por toda Europa e con recoñecidos intérpretes de música árabe como o Trio Joubran entre outros.
Aos 32 anos, Fayçal Salhi está a piques de volverse un “maalem” (mestre) do laúde árabe. Este Franco-Algeriano, levou a súa música por varios continentes, e en todos eles tivo un gran éxito.
Logo do seu álbum “Tingad”, un título que fai referencia a esta vila romana do Aurès en Alxeria, publicado fai cinco anos, Fayçal Salhi presentou este ano o seu último traballo que leva o título de “Elwène”, que se podería traducir por “cor”, un verdadeiro arco iris musical que reflicte as diferentes influencias do artista. “Quixen contar o relato dunha viaxe desde Alxeria a Francia, pasando despois por España, Austria, Chile e a India, onde tiven a sorte de producilo” declarou o artista. Autodidacta, revindica a herdanza dos grandes do laúde como Munir Bashir, Dhafer Youssef e ata Anouar Brahem. Un artista que nos leva á fronteira entre o jazz e o mundo árabe.
SOBRE O CICLO GHAZAL
A Fundación Araguaney-Puente de Culturas coa colaboración de AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) organiza este ciclo de música excepcional, o Ciclo Ghazal. Unha unión de 3 concertos musicais con artistas do panorama musical internacional de gran prestixio.
Trátase dunha iniciativa para achegar a música árabe a Santiago de Compostela. Na súa aposta pola arte musical, a Fundación Araguaney e AGADIC permiten que os composteláns e turistas de Compostela empápense da música de artistas de recoñecido prestixio a nivel internacional.
OUTROS CONCERTOS
O primeiro dos concertos, de Le Trio Joubran, celebrado o domingo 23 de Outubro no Teatro Principal, foi todo un éxito. O público compostelán demostrou unha gran acollida ao trío de irmáns palestinos.
O último dos concertos correrá a cargo de Moneim Adwan, cantante palestino cuxas composicións son un intento de manter viva a tradición nun país que oscila entre o modernismo e as tradicións ancestrais. Será o 8 de Decembro no Teatro Principal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario