DEZANOVE ARTISTAS GALEGOS EXPORÁN AS SÚAS OBRAS NA NOVA SALA DE EXPOSICIÓNS NOS BAIXOS DA CASA DA CULTURA BRIÓN ATA O 15 DE DECEMBRO
A mostra poderá visitarse a partir deste venres 11 de novembro
7 de novembro de 2011. Un total de 19 destacados pintores e pintoras galegos participarán nunha mostra de pintura que terá lugar na nova sala de exposicións de Brión, situada nos baixos da casa de cultura. Unha mostra que poderá visitarse entre o 11 de novembro e o 15 de decembro.
A exposición abrirá as súas portas este venres 11 de novembro, ás 20:30 horas. Un acto no que estarán presentes a gran maioría dos artistas que participan na mostra: Alfonso Costa, Antón Sobral, Ayaso, Barreiro, Beatriz Ansede, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Isabel Pintado, Jano Muñoz, Laureano Vidal, Luís Romero, María Manuela, María Xesús Díaz, Masiá, Morquecho, Pardiñas, Rafael Úbeda, Ricardo Rilo e Xosé Vázquez Castro. A entrada é libre e de balde.
Co traslado da biblioteca municipal ás antigas dependencias da casa do concello, Brión gañou un novo espazo cultural destinado ás belas artes. O que antes fora biblioteca, convértese agora nunha sala de exposicións de 186 m2 e que foi recentemente acondicionada para transformarse nun espazo de referencia para as artes e a cultura. Esta nova sala complementará ás dúas pequenas salas de exposicións municipais existentes no Espazo das Artes, de 55 metros cadrados cada unha. Isto suporá duplicar o espazo expositivo existente no Concello de Brión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario