INICIATIVAS SOCIALISTAS PARA O PLENO DE NOVEMBRO DE 2011
Uxía Lemus, concelleira do PSdeG-PSOE no Concello de Teo ven de presentar dúas mocións para o Pleno ordinario de novembro de 2011.
A primeira iniciativa, co gallo da celebración do Día internacional da loita contra a violencia de xénero o día 25 de novembro, fai un chamamento para que desde todas as administracións públicas se continúe a aplicar, en toda a súa integridade, a Lei de Violencia de Xénero de decembro de 2004.
A pesar de ser os responsables directos de por en marcha a protección ás vítimas e de xestionar as axudas económicas decretadas polo Goberno central para este fin, nalgunhas comunidades autónomas e nalgúns concellos asistimos a recortes indiscriminados que amosan a falla dun compromiso firme coa sensibilización e erradicación da violencia de xénero como prioridade da axenda política.
Uxía Lemus tamén presentou unha moción a fin de que se adopte un acordo plenario na que se solicite a rectificación, a través das medidas urxentes necesarias, dos recortes implantados polo Goberno galego no Plan concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais de Corporacións Locais e garantir, polo menos, o mantemento dos programas, actuacións e servizos dependentes do Plan concertado que existían no ano 2009.
A equipa de goberno do Concello de Teo sinalou un recorte de 17.000 euros do gasto social comprometido pola Xunta para o ano 2011, que afecta principalmente aos programas para a asistencia no fogar aos non dependentes e de asentamento do pobo xitano.
Os Socialistas de Teo agardamos a unanimidade das forzas políticas con representación no Concello de Teo no rexeitamento deste recorte do Plan Concertado, que ten graves consecuencias para os e as teenses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario