A Biblioteca Municipal acolle a exposición do gañador do V Premio de Banda Deseñada Castelao da Deputación
Poderá visitarse ata o vindeiro 15 de novembro no horario habitual da biblioteca
Ordes, 7 de novembro de 2011: A Biblioteca Municipal do Concello de Ordes acollerá ata o vindeiro día 15 de novembro unha exposición do traballo gañador do V Premio de Banda Deseñada Castelao promovido pola Deputación da Coruña.
A mostra, que se pode visitar no horario habitual da biblioteca de luns a venres de 8:30 a 14:30 e de 15:30 a 20:30 horas e os sábados de 10 a 14 horas, consta de 20 cadros nos que se pode observar o traballo premiado polo ente provincial e titulado “Sen mirar atrás”.
Aproveitando esta exposición, as responsables da biblioteca ordense anunciaron que durante estes días tamén se dará a coñecer a todos os usuarios o fondo de cómics novos cos que conta o centro. Un fondo no que se inclúen tanto títulos clásicos “Superman”, “Mortadelo”, etc, como reedicións de cómics antigos e unha extensa colección de cómic Manga.
Co fin de fomentar a lectura deste tipo de libros entre os mozos e mozas do municipio, tamén está previsto que durante esta semana alumnos e alumnas de 1º da ESO do IES Nº1 e do IES Maruxa Mallo, realicen visitas á biblioteca ordense, nas que ademais de poder disfrutar da exposición coñecerán os exemplares de cómic cos que conta o centro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario