BNG Ordes – mitins nas parroquias

O BNG, A ÚNICA FORMACIÓN QUE FARÁ MITÍNS EN TODAS AS PARROQUIAS DE ORDES

Gonzalo Castro “o 20N debemos exercer de galegos cando vaiamos a votar”

O BNG de Ordes iniciou a campaña electoral para as eleccións xerais en Ordes apelando á participación dos veciños e veciñas nestas eleccións. Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG manifestou que “de nada serve exteriorizar un malestar se non se participa o 20N para propiciar que mude este estado de cousas”

Os nacionalistas desenvolverán unha campaña moi activa en Ordes, realizando mitíns en todas as parroquias, e que terá como punto culminante o mitín central que desenvolverán o vindeiro martes, 15 de novembro, no restaurante O Túnel, e que contará coa participación de Ana Pontón, deputada do BNG no Parlamento Galego e Francisco Jorquera, cabeza de lista do BNG ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña.

Gonzalo Castro manifestou que “o apoio ao BNG nas eleccións xerais asegura a defensa dunha saída social á crise e que Galiza teña voz e peso político no Estado”.

O portavoz nacionalista salientou que “o mellor aval do BNG é o traballo feito. Non houbo cuestión que afectase a Galiza. Non houbo problema que atinxira ao pobo galego, que o BNG non trasladase ao Parlamento do Estado. Sen a presenza do BNG, Galiza simplemente non tería existido, estaría totalmente ausente na política estatal”.

Para Castro “agora compre reforzar a presenza do BNG nas Cortes do Estado, para que o Goberno cumpra con Galiza, porque a atención aos intereses de Galiza non depende da existencia ou non de "Gobernos amigos en Madrid", depende de ter voz e forza para influír positivamente na política estatal, que só o reforzo ao BNG pode asegurar, como avala a súa traxectoria parlamentar”.

Ningún comentario: