Plataforma Lixo Ames - os veciños avergoñanse do seu goberno

Os veciños de Ames avergónzanse do seu goberno. O civismo da reivindicación fronte a provocación do goberno 
No Pleno do xoves o goberno pechou o Concello aos veciños. Por primeira vez na historia de Ames a cidadanía non puido acceder ao Pleno. Os veciños viron pechada a casa do pobo, non podendo acceder ao Pleno que é un acto público. Tiñan o Concello pechado con todos os efectivos activos desa hora da Garda civil e da Policía local. O goberno busca converter a reivindicación dos veciños nunha situación de confrontación. As accións dos veciños do rural sempre foron actos de civismo para presionar ao goberno, en todas as ocasións o que fixeron foi berrar a súa indignación contra o goberno, e nesta ocasión nin sequera o fixeron dentro do salón de Plenos ata que se soubo da prohibición do goberno. É unha irresponsabilidade querer converter unha reivindicación social nun problema de orde pública. Todo o mundo sabe que os asistentes son xente pacífica, na súa maioría xente maior, que só quere mostrarlle ao goberno o seu enfado coa decisión do lixo, fronte ao cal o goberno só mostra o seu desprezo aos veciños.

É o goberno quen quere introducir a violencia por dúas vías: negando o acceso ao Concello dos veciños, e ademais facendo un despregue de garda civil e policía municipal indecente, tratando aos seus cidadáns como delincuentes. É indignante e ridículo que as forzas da autoridade cachearan aos asistentes, a maioría xente maior, e non lle deixasen entrar con paraugas. A Plataforma considera que é moito máis insultante a burla que o goberno lle está dando aos veciños e o trato recibido, que as palabras de protesta, tamén insultos, ante uns gobernantes prepotentes. Ademais o goberno volve mostrar a súa insensibilidade coa xente de Ames, primeiro querendo cobrar unha taxas que ignoran a delicada situación económica de moitos veciños, e o día do Pleno deixando á intemperie, con choiva e moito frío, a xente maior. A sociedade de Ames sabe que os paraugas non son armas, que as señoras e señores maiores non son delincuentes violentos, e sabe tamén que o goberno está illado e só sabe descualificar a toda a xente que está en contra das súas medidas. 

Agora intenta intimidar ao movemento dos veciños a través das forzas da orde pública. Identificando a xente para meter medo, identificando supostos "cabecillas" para trasladar a idea á opinión pública de que isto é unha cousa de catro que están politizados e buscan o conflito. Pero a xente sabe o que está pasando, a inmensa maioría do rural apoia as nosas demandas e as nosas accións de presión. Está moi enganado o alcalde se pretende converter un problema de inxustiza, e a reacción social ante a mesma, nun problema de orde pública. Sempre fomos e imos ser pacíficos, pero moi firmes na defensa dos nosos dereitos e na loita contra as inxustizas. É o goberno o que nos está agredindo de forma económica, psicolóxica e moralmente, e non o imos consentir.

O Goberno vólvelle dar a razón á Plataforma
Entre tanto o goberno vólvelle dar a razón á Plataforma. Primeiro foi coa proposta de cobrar en función do servizo, a taxa aprobada para 2013 foi unha proposta da Plataforma que o Concello asumiu. Esta proposta é razoable e xusta como todas as da Plataforma: se o servizo son 3 días á semana a tarifa debe ser a metade dos que dispoñen de 6 á semana. Agora o goberno dános de novo a razón sobre os expedientes caducados, hai dúas semanas faciamos unha roda de prensa denunciando que había miles de expedientes caducados por ter transcorrido os 6 meses desde a comunicación do seu inicio a terminación. Despois de que a Plataforma decidise denunciar esta situación a Xunta de goberno local decidiu por unanimidade declarar caducados varios centos de expedientes, o que significa que todo tramitado ata o momento queda anulado, e reinicialos de novo desde o comezo. O goberno solicitou durante este ano dous informes (dos Técnicos municipais e da Deputación) alertando sobre a gravidade de deixar caducar os expedientes, xa que os responsables cometerían "dolo ou culpa grave" e tería responsabilidades patrimonial e contable que os obrigaría indemnizar á propia facenda municipal. A incompetencia do goberno levou isto a unha situación ridícula, unha burla e unha vergonza para toda a xente afectada.

Ningún comentario: