Ordes . inauguración da mostra "mírame os ollos e verás que son coma ti"

Con motivo do Día Internacional da Discapacidade o Concello de Ordes inaugura este luns a mostra fotográfica 'Mírame aos ollos e verás que son coma tí'
Os usuarios da aula adaptada de Mesón do Vento entregarán agasallos aos centros académicos do municipio e invitaránnos a visitar as súas instalacións para que coñezan de primeira man a súa actividade

Con motivo do Día Internacional da Discapacidade que terá lugar o próximo luns o Concello de Ordes inaugurará a unha mostra fotográfica na que a integración das persoas con algún tipo de diversidade funcional é o tema central. Baixo o lema 'Mírame aos ollos e verás que son coma tí' amósanse un total de 27 fotografías repartidas polas tres plantas do consistorio e agrupadas en cinco bloques temáticos. Unhas imaxes que poñen de manifesto que as semellanzas entre persoas con e sen discapacidades son moitas máis das que se poidan pensar nun principio.

Fotógrafos como Cristina de Middel, Óscar Dacosta, Moncho Rivadulla, Rafa Pasadas e Luís Díaz participan neste proxecto no que, entre outros aspectos, se abordan as actividades, a autonomía, a expresividade e entusiasmo, as relacións de parella, e as afeccións en persoas con síndrome de Down. Todos aqueles que queran visitar esta mostra poderanno facer durante as próximas dúas semanas de 8 a 15 horas. Ademais tamén se pode colaborar económicamente adquirindo un dos almanaques con imaxes da mostra, os cales están á venda no departamento de Servizos Sociais por tan só 5 euros.

Por outra banda os usuarios da aula adaptada ubicada en Mesón do Vento e xestionada polo Concello de Ordes non queren deixar pasar de largo unha data tan sinalada como o Día Internacional da Discapacidade. Por elo farán entrega dunha serie de agasallos realizados por eles mesmos ós centros académicos ubicados no Concello, ademais de invitalos a acudir a súa aula para que coñezan de primeira man as actividades que se veñen realizando neste espazo.

Ningún comentario: