Oroso - campaña de recollida de cartos para compra de xoguetes

O CONCELLO DE OROSO PON EN MARCHA UNHA CAMPAÑA EN COLABORACIÓN COS COMERCIANTES PARA QUE NINGÚN NENO QUEDE SEN XOGUETES EN REIS 
Repartiron unhas huchas, feitas polas librerías Aula 10 e Refoxos, para recoller donativos entre a clientela dos negocios de Oroso

O Concello de Oroso vén de poñer en marcha a campaña “En Reis, ningún neno/a sen agasallo” coa que pretende que todos os nenos e nenas das familias máis vulnerables do municipio poidan disfrutar dun agasallo o día de Reis. Unha iniciativa na que conta coa total e desinteresada colaboración dos distintos establecementos comerciais do municipio, que durante as próximas semanas albergarán nos seus locais unhas huchas para recoller os donativos que queiran facer os seus clientes.

As huchas foron feitas grazas á colaboración das librerías Refoxos e Aula 10, ambas de Sigüeiro, que as elaboraron utilizando material reciclado e papel de agasallo. Unhas huchas que foron repartidas nesta última semana polo Concello de Oroso entre os comerciantes do municipio e que aínda poden ser recollidas no Departamento de Servizos Sociais.

O concelleiro de Cultura e Benestar, Antonio Leira, explica que “o obxectivo da campaña é que os clientes que acudan aos distintos negocios de Oroso poidan, se así o desexan, achegar un donativo co que compraremos agasallos para os nenos e nenas das familias máis vulnerables do noso municipio. Queremos que nun día tan especial como o de Reis todos os nenos e nenas teñan un xoguete co que poder xogar”. 

Ningún comentario: