AS CORAIS DO CONCELLO VOLVEN A PROTAGONIZAR O CANTATEO QUE COMEZA ESTE DOMINGO
O Departamento de Cultura, dirixido por Carme Hermida, presenta unha nova edición do Cantateo, un encontro das voces corais do Concello de Teo. Como vén sendo habitual estas actuacións celebraranse no CSC da Ramallosa os domingos do mes de decembro. Concretamente este ano comezan o día 9 e repetiranse o 16 e o 23 ás 18:00 horas. A entrada é de balde.
Dende a concellaría de Cultura destácase a boa disposición dos coros e corais do Concello xa que nesta actividade participan maioritariamente grupos de Teo aínda que tamén se conta cunha coral invitada. Este ano será a Coral Polifónica Liceo M. Rianxeiro.
Este primeiro domingo actuarán a coral da A.C. Cruceiro do Monte, a coral polifónica da S.R. San Xoán de Calo e o coro da igrexa Evanxélica da Ramallosa. O domingo 16 será o turno do coro de San Miguel de “Rariz”, o coro parroquial de Cacheiras e o grupo de canto Aleceia dos Tilos. O domingo 23 pechan esta edición do Cantateo 2012 a coral polifónica de Luou e a coral polifónica Liceo M. Rianxeiro.
Con estes encontros foméntase a interrelación e o intercambio entre os diferentes grupos do Concello e a colaboración con outras formacións de fóra. A maiores o Cantanteo tamén permite visibilizar o traballo de todo o ano das persoas que participan nos coros e corais e das persoas que os preparan. Esta actividade conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario