Frades - veciños do concello viaxaron a Costa da Morte

VECIÑOS E VECIÑAS DE FRADES VISITAN ALGÚNS DOS LUGARES MÁIS SIGNIFICATIVOS DA COSTA DA MORTE
Visitaron o ecomuseo Forno do Forte (Malpica), o dolmen de Dombate e a Cibdá de Borneiro (Cabana de Bergantiños), o castelo de Vimianzo, o faro de Cabo Vilán (Camariñas) e a Virxe da Barca de Muxía

Unha trintena de veciños e veciñas de Frades visitaron diversos lugares emblemáticos das comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte, nunha excursión na que estiveron acompañados polo concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa. Unha viaxe que combinou a parte cultural coa visita a espazos naturais privilexiados destas comarcas galegas. 

Esta combinación de visitas a museos e espazos pechados con saídas puntuais ao exterior permitiu salvar algún que outro chaparrón ocasional. Os veciños e veciñas saíron a primeira hora do sábado dende Frades con destino á comarca de Bergantiños, concretamente ata o municipio de Malpica, onde visitaron o ecomuseo Forno do Forte, onde coñeceron a tecnoloxía e a forma de traballar da famosa oleiría de Buño.

Acto seguido, a expedición desplazouse ata o veciño municipio de Cabana de Bergantiños, onde visitaron dúas das xoias do megalitismo galego: a Cibdá de Borneiro, un dos castros máis antigos de Galicia (entre os séculos VI antes de Cristo e o I despois de Cristo); e o Dólmen de Dombate, datado entre o 2.500 e o 3.000 A.C. e situado a apenas medio quilómetro da Cibdá. 
O seguinte punto de visita foi o Castelo de Vimianzo, onde os veciños e veciñas de Frades coñeceron as características dos distintos oficios antigos galegos a través da mostra de artesanía en vivo no castelo vimiancés. A media tarde, a expedición aproveitou a mellora do tempo para realizar dúas visitas ao aire libre: o faro de Cabo Vilán (Camariñas), unha das paisaxes máis fermosas de toda a Costa da Morte; e o santuario da Virxe da Barca (Muxía), un dos enclaves máis visitados da comarca.

Ningún comentario: