Oroso - concerto do cuarteto Azosso

O CENTRO CULTURAL DE SIGÜEIRO ACOLLE HOXE MÉRCORES UN CONCERTO DO CUARTETO AZOSSO
Presentarán o seu primeiro traballo “Landscape 4.0”, música escrita para un cuarteto de guitarras e que mestura ritmos cubanos e brasileiros

O Concello de Oroso e a Aula de Música organizan hoxe mércores 5 de decembro un concerto a cargo do Cuarteto Azosso, catro novos guitarristas que presentarán no centro cultural de Sigüeiro o seu primeiro traballo “Landscape 4.0”, unha interesante mostra de ritmos latinoamericanos. Unha actuación que terá lugar ás 20:00 horas e de asistencia totalmente libre e de balde.

O Cuarteto Azosso xurde a finais de 2011, froito da gran remesa de guitarristas formados nos conservatorios galegos: Xosé Antonio Rodríguez Álvarez, Ana Yáñez Ríos, Mónica Pita López e Fernando Pérez Fernández. O seu primeiro proxecto de gravación, “Landscape 4.0”, xa está en marcha e inclúe música escrita orixinalmente para cuarteto de guitarras por compositores como Leo Brouwer, Andrew York, Stepan Rak, Sergio Assad e Paulo Bellinati.

Programa
Os veciños e veciñas de Oroso poderán disfrutar de sesenta minutos de música de guitarra na que os integrantes do Cuarteto Azosso ofrecerán un repertorio de calidade e variado, cheo de ritmos latinoamericanos xunto a fermosas expresións melódicas que manterán ao público atento e o farán pasar por diferentes estados de ánimo. En total, o Cuarteto Azosso interpretará oito pezas:

Parte I
Paisaje cubano con lluvia, Leo Brouwer
Bantú, Andrew York
Americana, J. W. Duarte
Lotus Eaters, Andrew York

Parte II
Paisaje cubano con rumba, Leo Brouwer
Quiccan, Andrew York
Uarekena, Sergio Assad
A furiosa, Paulo Bellinati

O nome do espectáculo, “Landscape 4.0”, refírese ás dúas pezas compostas por Leo Brouwer, de quen din que é o máis grande compositor vivo para guitarra. “Paisaje Cubano con Lluvia” e “Paisaje Cubano con Rumba” están cheas de folclore cubano, con harmonías claras e un compoñente rítmico moi próximo á música de Igor Stravinsky. Neste proxecto tamén ten un especial peso o guitarrista e compositor Andrew York, con tres pezas: Bantú, Quiccan e Lotus Eaters. Pola súa banda, Paulo Bellinati e Sergio Assad están recoñecidos como dous dos mellores guitarristas brasileiros contemporáneos. “A Furiosa”, de Bellinati, é unha danza coñecida tamén como “tango brasileiro” e que se baila en parella.

Ningún comentario: